Máis de 1.100 escolares da provincia de Ourense asisten este luns á representación My Funny Frankenstein no Auditorio

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta este luns 10 de febreiro, no Auditorio Municipal de Ourense, a obra de teatro en inglés para escolares My Funny Frankenstein, de Face2Face Company, dirixida a público de 5º e 6º de primaria. Realizaranse dous pases, ás 10.00 e ás 12.00 horas, e asistirán máis de 1.100 estudantes procedentes de 21 centros escolares de Ourense e provincia.
En My Funny Frankenstein, a doutora Frankenstein está a preparar unha festa para revelar a súa creación máis recente: un monstro formado a partir de partes de corpos humanos. Convidou criaturas horribles de todos os recunchos: zombis, vampiros, esqueletos e pantasmas. Con todo, cando tenta dar vida ao monstro cunha descarga eléctrica, os resultados non saen como esperaba… Unha divertida e musical versión renovada do clásico de terror de Mary Shelley, que explora temas actuais como a igualdade de xénero e o respecto á diversidade. Unha experiencia práctica e divertida para asimilar novos coñecementos e aprender a expresarse en inglés.
As artes escénicas teñen unha especial relevancia dentro da programación para escolares que deseña cada curso o equipo da área educativa de Afundación co obxectivo de reforzar a formación que os estudantes reciben nas aulas. A programación está deseñada para promover unha educación en valores e competencias transversais potenciando o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo. Neste sentido, as artes escénicas están consideradas como unha das ferramentas educativas máis útiles para estimular a capacidade de observación dos estudantes, posibilitar o diálogo e a reflexión, e desenvolver habilidades sociais.