Máis de 100 escolares do CEIP Curros Enríquez de Celanova participarán na elaboración dun mural da man de Afundación

Un total de 117 alumnos e alumnas do CEIP Curros Enríquez de Celanova participarán este mércores 22 de abril, a partir das 11.00 horas, na actividade «Plantando árbores con pinceis», unha iniciativa impulsada por Afundación, a Obra Social de ABANCA.
A proposta desenvolverase no propio centro educativo e combinará creatividade e concienciación ambiental. Durante a xornada, o alumnado elaborará un mural con pinturas fotocatalíticas anticontaminantes, decorará bolsas de tea con pinturas ecolóxicas e, como novidade este curso, participará nun obradoiro de estampaxe.
Esta actividade enmárcase no programa «Educación para a sustentabilidade» da Obra Social de ABANCA, que foi recoñecido en 2024 co Premio Nacional de Medio Ambiente de CECA. A través desta iniciativa, Afundación busca integrar cultura, formación e sustentabilidade, poñendo o foco na importancia do coidado da contorna para avanzar cara aos obxectivos marcados na Axenda 2030.
O proxecto «Plantando árbores con pinceis» púxose en marcha en 2021 dentro da oferta educativa de Afundación. Desde entón, tivo unha ampla acollida en centros de toda Galicia. Segundo as previsións, ao finalizar o curso 2025-2026 máis de 19.000 escolares e docentes terán participado na creación de máis de 200 murais en distintos centros educativos da comunidade.