Máis de 13.400 estudantes galegos afrontarán a PAU 2026 en 36 sedes repartidas por toda Galicia

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Os exames desenvolveranse os días 2, 3 e 4 de xuño en dez municipios das catro provincias galegas
exame-abau-selectividade
23 May 2026

Un total de 13.441 estudantes matriculáronse este ano na Proba de Acceso á Universidade (PAU) en Galicia, unha cifra que supera en 495 alumnos a rexistrada na convocatoria anterior. Os exames desenvolveranse os días 2, 3 e 4 de xuño en 36 sedes distribuídas en dez municipios das catro provincias galegas.

Segundo informou este venres a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), a maior parte do alumnado realizará as probas na provincia da Coruña, que concentra o 46,76% dos matriculados. A área de Vigo reúne o 33,63%, mentres que Lugo contará co 10,14% dos estudantes e Ourense co 9,47%.

As probas celebraranse nas facultades das principais cidades galegas, entre elas Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Ourense. Ademais, tamén haberá sedes habilitadas en institutos de Cee, Viveiro e A Rúa.

Por cidades, Vigo será a localidade con maior número de estudantes presentados, con 3.026 alumnos, seguida da Coruña, con 2.855, e Santiago, con 2.472. Pontevedra contará con 1.494 matriculados, Ourense con 1.229 e Lugo con 1.049. En Ferrol examinaranse 832 alumnos, mentres que Viveiro acollerá 224, A Rúa 134 e Cee 126.

A PAU deste ano arrancará o martes 2 de xuño cunha sesión informativa ás nove da mañá, previa ao primeiro exame, o de Lingua Castelá e Literatura, previsto entre as 10.00 e as 11.30 horas. Ao mediodía será a quenda de Historia de España ou Historia da Filosofía.

Xa pola tarde celebraranse distintas materias específicas, entre elas Xeoloxía e Ciencias Ambientais, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Técnicas de Expresión Gráfico-Plástica e Movementos Culturais e Artísticos. A xornada completarase con exames de Debuxo Técnico, idiomas estranxeiros e Historia da Música e da Danza.

O mércores 3 de xuño abrirase coa proba da primeira lingua estranxeira. Ao longo da mañá e da tarde desenvolveranse exames como Bioloxía, Física, Química, Xeografía, Historia da Arte, Grego ou Empresa e Deseño de Modelos de Negocio, entre outras materias.

A selectividade rematará o xoves 4 de xuño coa proba de Lingua Galega e Literatura, que este ano volverá celebrarse na última xornada, obrigando así á práctica totalidade do alumnado a acudir aos tres días de exames. A continuación terán lugar as probas de Matemáticas II, Latín II, Artes Escénicas, Debuxo Artístico II, Análise Musical II e Ciencias Xerais.

0.11024117469788