Máis de 200 nenos e nenas participan este verán no campamento Galideporte de San Cibrao das Viñas

Máis de 200 nenos e nenas de distintas idades xa participan este verán no campamento Galiideporte de San Cibrao das Viñas, unha proposta dirixida ao público infantil e xuvenil que combina actividades deportivas, culturais e de ocio adaptadas ás distintas franxas de idade.
O campamento desenvólvese entre o 29 de xuño e o 17 de xullo, de luns a venres en horario de 9.00 a 13.30 horas, e está destinado a menores nacidos entre os anos 2010 e 2020. As actividades realízanse nas instalacións de Pontenoalla, Soutopenedo e A Boutureira.
A programación inclúe a práctica de diferentes disciplinas deportivas como fútbol, baloncesto, atletismo, natación, waterpolo, boxeo e sendeirismo. A estas actividades súmanse tamén propostas de carácter cultural relacionadas coa música e o baile, entre outras iniciativas enfocadas ao ocio activo.
Ademais da programación principal, a organización incorporou servizos complementarios orientados a facilitar a conciliación das familias participantes. Neste sentido, o campamento ofrece servizo de madrugadores desde as 7.30 horas e horario de mediodía ata as 14.30 horas.
A iniciativa está deseñada coa finalidade de promover hábitos de vida saudables entre os participantes, fomentando tamén valores como o traballo en equipo, o compañeirismo e o respecto pola contorna natural a través da práctica deportiva e do lecer educativo.