Máis de 220 persoas participan en Celanova no I Encontro da Comunidade Educativa de Santo Tirso

OurenseXa
A iniciativa serviu para reforzar a relación entre ambos municipios, irmandados oficialmente desde 1992
encontro-celanova-santo-tirso
4 Jul 2026

Máis de 220 persoas, entre profesorado e persoal das escolas da Cámara Municipal portuguesa de Santo Tirso, participaron no I Encontro da Comunidade Educativa de Santo Tirso, celebrado en Celanova.

A actividade, organizada pola Cámara Municipal de Santo Tirso co apoio do Concello de Celanova, naceu coa intención de fortalecer os vínculos existentes entre as comunidades dos dous municipios. A relación entre ambas localidades foi formalizada coa súa irmandade no ano 1992, aínda que os lazos entre ambos territorios remóntanse a máis de mil anos a través da figura de San Rosendo.

O programa do encontro comezou cunha recepción oficial encabezada polo alcalde de Celanova, Antonio Puga, acompañado por outros integrantes da Corporación municipal. Ao acto sumouse tamén o presidente da Cámara Municipal de Santo Tirso, Alberto Costa.

Os participantes, distribuídos en diferentes grupos, realizaron unha visita por distintos espazos representativos da vila de San Rosendo. O percorrido incluíu varias dependencias do Mosteiro de San Salvador, entre elas o Claustro do Poleiro, espazo no que se atopa o IES Celanova Celso Emilio Ferreiro.

Durante a xornada tamén visitaron a 'Casa dos Poetas', sede da Fundación Curros Enríquez, así como Vilanova dos Infantes, localidade que foi recoñecida recentemente como un dos "Pueblos más bonitos de España".

Desde a organización destacouse que a estreita relación existente entre os dous concellos permite a celebración deste tipo de actividades, que facilitan o coñecemento mutuo entre a veciñanza e favorecen o intercambio cultural e patrimonial entre ambas comunidades.

A colaboración entre Celanova e Santo Tirso mantense tamén no plano institucional. De feito, a próxima semana unha delegación do Concello de Celanova, encabezada polo alcalde Antonio Puga, desprazarase ata Santo Tirso para asistir aos actos organizados con motivo das festas de San Bento.

0.12821102142334