Máis de 25.000 usuarios beneficiáronse dos programas termais da Deputación de Ourense

OurenseXa
A institución provincial logrou, a través dos seus programas de termalismo, unha contribución directa de máis de sete millóns de euros aos balneario
Representantes da Xunta e da Deputación de Ourense visitan o balneario de Laias Caldaria
Representantes da Xunta e da Deputación de Ourense visitan o balneario de Laias Caldaria
11 Dec 2024

A vila termal de Caldaria-Laias acada un "fito estratéxico para o termalismo ourensán", en palabras do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, tras acadar a certificación de Galicia Calidade, estensible aos outros dous balnearios que a marca Caldaria ten na provincia (Lobios e Arnoia). Trátase dos primeiros balnearios que logran este selo de calidade, unha marca da economía galega que impulsa a súa competitividade nos diferentes mercados e á que pertencen case 200 empresas e preto de medio millar de productos.

O presidente provincial participou no acto de entrega do selo de certificación de Galicia Calidade á marca Caldaria, celebrado hoxe na vila termal de Laias, evento ao que acudiu tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez; o xerente de Caldaria, Javier Soto; o presidente da Fundación San Rosendo, José Luis Gavela así como alcaldes de vilas termais e outras autoridades.

Menor lembrou que hai máis dunha década que a Deputación de Ourense comezou unha estratexia de cooperación público-privada con todos os balnearios da provincia, coa totalidade do sector, creando o Programa provincial de Termalismo Social, iniciativa de referencia no ámbito estatal polos resultados acadados. "Confiabamos e confiamos con forza no potencial que aínda teñen por desenvolver os recintos termais da nosa provincia", destacou.

O presidente provincial sinalou que a certificación de Galicia Calidade para os balnerarios "será un reclamo máis para atraer actividade económica ao sector".

Para Menor, o selo de Galicia Calidade tradúcese na "garantía de máxima calidade que lle abre a porta a todo un sector, o dos balnearios, para diferenciarse e seguir medrando".

O presidente provincial tamén puxo en valor a "innovación" nas iniciativas a favor da saúde, tanto física como mental, que forman parte da "axenda estratéxica da Deputación" e que sitúan a Ourense "á cabeza de España".

Máis de 25.000 usuarios dos programas termais

As cifras da cooperación cos balnearios a través do programa provincial de termalismo avalan un destacado impacto no sector. Máis de 25.000 persoas desfrutaron dos programas da Deputación de Ourense dende o seu inicio.

Estas iniciativas termais significaron preto de 100.000 pernoctacións, máis de 200.000 técnicas termais e unha contribución directa aos balnearios cifrada en máis de sete millóns de euros.

⚙ Configurar cookies
0.83210301399231