Máis de 300 persoas participan en Allariz na V Xuntanza Socialista de Ourense

Máis de 300 persoas participan en Allariz na V Xuntanza Socialista de Ourense
A cita reuniu a representantes e militantes do PSdeG-PSOE nun encontro marcado pola memoria histórica, a cohesión interna e a reivindicación do proxecto socialista en Galicia
Allariz acolleu este venres a V Xuntanza Socialista de Ourense, unha convocatoria organizada polo PSdeG-PSOE provincial que reuniu a máis de 300 persoas chegadas de diferentes puntos da provincia e tamén doutras zonas de Galicia. O encontro combinou intervencións políticas, recoñecementos e espazos de convivencia entre a militancia socialista.
Na xornada participaron o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila; o portavoz do PSOE no Congreso, Patxi López; a portavoz socialista en Allariz, Elena Peaguda; e a concelleira ourensá Alba Iglesias.
Desde a Executiva Provincial destacaron que a xuntanza se consolidou como unha cita “imprescindible” no calendario político ourensán, tanto pola súa capacidade de mobilización como polo seu papel na cohesión interna da organización. O encontro naceu hai cinco anos como unha iniciativa ligada á memoria histórica do socialismo ourensán e foi pasando por distintos concellos da provincia.
Durante a súa intervención, Patxi López reivindicou o papel do PSOE como forza de goberno e defendeu que “a política útil é a que mellora a vida da xente”, asegurando que as medidas impulsadas polo Executivo central chegaron “a todas as familias, a todos os traballadores e traballadoras e a todos os territorios”.
O portavoz socialista no Congreso advertiu tamén da influencia da ultradereita sobre o Partido Popular e sostivo que o PSOE representa “unha garantía de estabilidade, convivencia e defensa dos dereitos sociais”. López puxo ademais en valor os datos económicos actuais do Estado e defendeu as políticas impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez en materia laboral, social e de vivenda.
Pola súa banda, José Ramón Gómez Besteiro destacou a continuidade da xuntanza ao longo destes cinco anos, sinalando que “non é habitual manter no tempo un encontro que non só reúne á organización, senón que tamén reafirma a súa identidade política e o seu proxecto colectivo”.
O líder do PSdeG reivindicou ademais a memoria democrática e o papel histórico do socialismo na construción institucional, asegurando que “a memoria é hoxe un campo de batalla e o socialismo está aquí para defendela con feitos e organización”. Besteiro aproveitou tamén para criticar a situación dos servizos públicos en Galicia e alertar do deterioro do rural e da falta de planificación en cuestións como os incendios forestais.
Álvaro Vila definiu a xuntanza como “un espazo de convivencia, de orgullo militante e de reafirmación do que significa ser socialista en Ourense”, mentres Elena Peaguda chamou a fortalecer a unidade da militancia e defendeu que “outra Ourense e outra Galicia son posibles”.
A concelleira Alba Iglesias centrou a súa intervención na renovación da comunicación política e no papel das novas xeracións, asegurando que “a nova política faise tamén en 60 segundos se somos capaces de emocionar e conectar coa xente”.
Durante o acto entregáronse tamén os Premios ConMemora 2026, cos que o PSdeG-PSOE de Ourense recoñeceu as traxectorias de Camilo Ocampo e Elena Espinosa polo seu compromiso institucional e a súa contribución ao desenvolvemento de Galicia e da provincia de Ourense.