Máis de 60 estudantes galegos participaron en Ourense na XV Olimpíada Galega de Economía

O pasado venres, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense foi o escenario da XV Olimpíada Galega de Economía, un evento que reuniu a 64 estudantes de Bacharelato procedentes de 16 centros educativos de toda Galicia. A actividade foi impulsada pola Universidade de Vigo, en colaboración coas universidades da Coruña e Santiago de Compostela, e contou tamén co apoio da Asociación Galega de Ensinantes de Economía en Secundaria.
Esta olimpíada representa a fase autonómica galega da Olimpíada Española de Economía, un certame académico deseñado para fomentar o interese polo coñecemento económico entre a mocidade, recoñecer o esforzo académico e crear pontes entre os diferentes niveis do sistema educativo. A convocatoria ía dirixida ao alumnado que curse durante o curso 2024/2025 a materia de Empresa e Deseño de Modelos de Negocio en segundo de Bacharelato, podendo participar un máximo de cinco estudantes por centro educativo.
As probas do certame incluíron contidos tanto de Economía de primeiro de Bacharelato como de Empresa e Deseño de Modelos de Negocio de segundo. O exame, de dúas horas de duración, estruturouse en tres seccións eliminatorias: unha primeira parte con 20 preguntas tipo test, unha segunda con dous problemas prácticos, e unha terceira consistente na análise dun texto relacionado coa actualidade económica.
Premios e recoñecementos
Ao remate das probas, tivo lugar a entrega de premios, nun acto no que participaron Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus; Montserrat Cruz, decana da Facultade organizadora; Marta Nóvoa, vicepresidenta da Deputación de Ourense; e Aníbal Pereira, concelleiro de Deportes. Todas e todos destacaron o compromiso do alumnado participante e agradeceron a colaboración dos centros e do profesorado implicado.
Noa Vidal (IES Pontepedriña) obtivo o primeiro premio, seguida de Sara Arines (IES Castro Alobre) co segundo posto e Sabela Torrado (tamén do IES Pontepedriña) co terceiro. As tres estudantes representarán ás universidades galegas na fase estatal da Olimpíada, que terá lugar na Universidade de Alacante os días 30 de xuño, 1 e 2 de xullo de 2025. A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da UVigo asumirá os custos da inscrición, desprazamento e aloxamento das gañadoras, así como dun docente acompañante e dun membro da propia facultade.
Ademais, o alumnado clasificado entre o cuarto e o oitavo posto recibiu diplomas como finalistas, establecéndose esta orde como referencia en caso de que algún dos tres primeiros renuncie á participación na fase nacional. As universidades públicas galegas tamén poderán convocar axudas específicas para quen, tendo participado nas olimpíadas, decidan continuar os seus estudos nalgún dos centros do Sistema Universitario de Galicia.