Máis de 715.000 euros para modernizar a rede de abastecemento de San Lourenzo de Fustáns

A Xunta de Galicia e o Concello de Gomesende impulsarán a renovación da rede de abastecemento da parroquia de San Lourenzo de Fustáns cun investimento superior aos 715.000 euros, grazas ao convenio de colaboración asinado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa do municipio, Pura Rodríguez.
A actuación permitirá substituír preto de 6,5 quilómetros da infraestrutura hidráulica, unha intervención que beneficiará directamente a 13 núcleos de poboación e que busca mellorar a eficiencia do sistema, reducir as perdas de auga e minimizar o número de avarías. O obxectivo é garantir un abastecemento de auga potable máis fiable, tanto en calidade como en cantidade.
O proxecto tamén responde ás características xeográficas da parroquia, situada nunha zona de forte desnivel e con núcleos distribuídos a diferentes cotas. Esta realidade obrigou a deseñar unha solución adaptada para asegurar que a subministración chegue a todos os fogares coa presión adecuada e en condicións óptimas.
Durante a sinatura do convenio, na que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, Ángeles Vázquez destacou a colaboración que o Goberno galego mantén cos concellos para avanzar na mellora das infraestruturas hidráulicas municipais. Neste caso, a Administración autonómica asumirá o 80 % do investimento, mentres que o Concello de Gomesende financiará o 20 % restante.
A conselleira lembrou que garantir un abastecemento eficiente en Galicia supón un importante desafío debido á elevada dispersión territorial e aos máis de 30.000 núcleos de poboación existentes na comunidade. Neste contexto, enmarcou esta actuación dentro do plan impulsado por Augas de Galicia para modernizar os sistemas municipais de abastecemento, dotado cun investimento global de 19 millóns de euros.
Este programa permitirá desenvolver 15 actuacións en 23 concellos galegos, incluída a de Gomesende, centradas na ampliación das redes, a substitución de conducións antigas, a redución das perdas de auga e o reforzo da seguridade do abastecemento. En conxunto, estímase que estas actuacións beneficiarán a máis de 410.000 persoas en toda Galicia.