Máis de mil escolares de Ourense participaron no Correlingua 2024

OurenseXa
Escolares de 17 centros educativos de Ourense participaron na edición número 24 do Correlingua coa finalidade concienciar o alumnado e profesorado dos colexios galegos na defensa da nosa lingua
correlingua-2024-ourense
Correlingua 2024
15 Maio 2024

Máis de mil escolares de 17 centros educativos de Ourense participaron na edición número 24 do Correlingua, que se desenvolveu esta mañá na Praza Maior e no Auditorio Municipal de Ourense. Esta é unha actividade que ten como finalidade concienciar o alumnado e profesorado dos colexios galegos na defensa da nosa lingua. Está organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, a AS-PG e a CIG - Ensino, coa colaboración do Concello e a Deputación. O lema deste ano é 'Dende aquí até acolá, GALEGO XA!'

No Auditorio Municipal, as actividades comezaron coa lectura, por parte de alumnado de Secundaria, dun manifesto resultado dos obradoiros Desata a lingua impartidos en 2023 polas escritoras María Lado, Ana Carreira e Lucía Aldao. O acto estivo presentado pola actriz Isabel Risco e incluíu cancións do alumnado e a actuación do grupo A Mekánika Rollin Band, premiado nesta edición do Cantalingua.

Simultaneamente, na Praza Maior houbo xogos populares contando coa colaboración do alumnado dos ciclos de Animación Sociocultural e Dependencia do CIFP Portovello e dos monitores da Asociación Xuvenil Amencer, así como un concurso de pancartas arredor do lema escollido. A media mañá, o alumnado das distintas etapas intercambiou a súa localización mediante un paseo reivindicativo polas rúas do centro histórico.

0.19086909294128