Máis dun cento de músicos participarán no XI Festival Solidario de Barbadás

Máis dun cento de intérpretes participarán no XI Festival Solidario de Barbadás, unha iniciativa impulsada pola Escola de Música Municipal de Barbadás (EMMB) co apoio do Concello e cun marcado carácter social.
“A música fomenta a colaboración e a solidariedade”, destacou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, durante a presentación do evento, subliñando o papel da cultura como ferramenta de cohesión social.
Nesta edición, o festival estará dedicado á asociación Morea, entidade que traballa con persoas con trastorno mental grave e coas súas familias. Os fondos recadados destinaranse integramente ao seu labor. O rexedor puxo en valor a súa actividade ao afirmar que “O traballo que realiza Morea, dirixido en corpo e alma ás persoas con trastorno mental grave, é moi importante”.
Desde a asociación, Alfonso Díaz e Carlota Díaz agradeceron a elección como entidade beneficiaria. O director explicou que “Traballamos na integración social das persoas con enfermidade mental co obxectivo de que poidan estar nas súas casas, na súa comunidade, coa mellor calidade de vida posible”, mentres que Carlota Díaz salientou que “Estamos moi agradecidos de que nos escollesen para este festival, a visibilidade da saúde mental é moi beneficioso para nós e para toda a sociedade”.
O concerto celebrarase este sábado, 18 de abril, ás 19:00 horas no auditorio do Conservatorio de Música de Ourense. O director da EMMB, Xohán Manuel Xil Paxaro, avanzou que nesta ocasión se presentará un formato diferente, cun fío narrativo que levará ao público por Escocia, Irlanda e Galicia a través dun personaxe singular. Segundo explicou, “Cambiamos un pouco o formato que viñamos facendo e este ano construímos unha historia que nos vai levar por Escocia, Irlanda e Galicia, da man dun curioso personaxe”.
A actuación reunirá máis de cen músicos entre alumnado e profesorado, froito dun traballo intenso ao longo dos últimos meses. O alcalde destacou precisamente ese esforzo colectivo na preparación do espectáculo.
Pola súa banda, a vicedirectora do Conservatorio de Música de Ourense, Naiara Acuña, puxo en valor a colaboración entre centros musicais da provincia e a cesión do espazo para facer posible o evento. “Estamos encantados de ceder o espazo e de axudar para que este festival sexa posible”, afirmou.
As entradas están dispoñibles ao prezo de 5 euros no punto de información da primeira planta do Centro Comercial Ponte Vella.