Máis dun cento de persoas participaron na segunda Gran Peregrinación A Merca–Ourense

OurenseXa
A actividade consolidouse como unha cita de referencia para a posta en valor do patrimonio e das tradicións vinculadas ao Camiño San Rosendo–Rainha Santa
gran-peregrinacion-a-merca-ourense
13 May 2026

Máis dun centenar de persoas participaron na segunda edición da Gran Peregrinación A Merca–Ourense, unha iniciativa organizada pola Asociación Amigos do Camiño Xacobeo de San Rosendo e da Rainha Santa co obxectivo de promover, difundir e reivindicar o valor histórico desta ruta xacobea.

A actividade consolidouse como unha cita de referencia para a posta en valor do patrimonio e das tradicións vinculadas a este itinerario. Ao longo dun percorrido de 17 quilómetros, as persoas participantes compartiron unha xornada marcada pola convivencia, a práctica deportiva e a reivindicación do Camiño San Rosendo–Rainha Santa, nun ambiente de compañeirismo e participación. A chegada á Catedral de San Martiño, onde foron recibidos polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos, puxo o punto final á peregrinación.

A iniciativa contou co apoio dos nove concellos polos que discorre a ruta —Lobios, Muíños, Lobeira, Bande, Verea, Celanova, A Merca, San Cibrao das Viñas e Ourense—, así como coa participación de representantes das súas corporacións municipais. Tamén colaboraron a Deputación de Ourense e o Inorde, que respaldaron esta acción de promoción do Camiño e do patrimonio cultural da provincia.

0.12797784805298