Malestar en Barbadás tras o anuncio da Xunta de construír un instituto público en Pereiro de Aguiar

OurenseXa
“Non nos opoñemos á construción dun instituto en Pereiro pero pedimos coherencia e un trato xusto en base á demanda existente en Barbadás dada a nosa poboación estudantil”
Grupo Muncipal de Barbadás
7 Out 2024

“Mentres que os mozos e mozas de Barbadás, único concello galego con máis de 10.000 habitantes sen instituto, estrearon o curso desprazándose ata Ourense para poder estudar, a Xunta de Galicia vén de anunciar a construción dun centro educativo de secundaria na localidade de Pereiro de Aguiar”, denuncia o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, tras coñecer o venres pasado a decisión do goberno autonómico de construir un instituo público en dito concello ourensán .

“Hai case un mes que os concelleiros e concelleiras do goberno local de Barbadás se concentraron nun acto reivindicativo no solar xa cedido á Xunta ao carón do parque dos Patos para a construción destas instalacións”, explican desde o concello. Unha loita que, segundo asegura o alcalde, debe continuar.

O rexedor solicitou ata en catro ocasións unha reunión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sen obter resposta algunha e considera un “aldraxe” e “claro favoritismo” que agora se anuncie a construción dun centro de secundaria en Pereiro de Aguiar. Tamén tacha de “falta de coherencia e contrasentido” a xustificación de Rueda para levar a cabo o proxecto no concello veciño, xa que “Barbadás leva máis de 20 anos en crecemento demográfico continuado e máis de 15 anos demandando o instituto”.

Tamén se cumpren 15 anos da firma do protocolo de inicio das obras do IES de Barbadás por parte do entón conselleiro de Educación, Jesús Vázquez. “Non nos opoñemos á construción dun instituto en Pereiro pero pedimos coherencia e un trato xusto en base á demanda existente en Barbadás dada a nosa poboación estudantil”, engadiu Valcárcel.

“O Concello axuda economicamente ás familias en canto ao transporte dos alumnos e alumnas que deben desprazarse a outros concellos para estudar e incluso se financia un taxi naqueles casos nos que os mozos e mozas viven no rural e non teñen acceso ao autobús”, explica o rexedor. “A día de hoxe, centos de rapaces e rapazas de Barbadás seguen desprazándose cada día ao IES Ferro Couselo, na cidade de Ourense, a entre 7 e 10 quilómetros de Barbadás en función do lugar do residencia de cada alumno, para cursar os seus estudos de secundaria e Bacharelato”.

Na actualidade en Barbadás, unha das vilas que máis medra en Galicia e cunha das poboacións más movas, están empadroados 700 mozos e mozas en idade de cursar ensino secundario ou bacharelato. Por iso, o alcalde insistiu en que “sufrimos unha inxusta e inexplicable discriminación educativa por parte do actual e anteriores gobernos galegos porque tamén somos o único concello de Galicia con máis de 10.000 habitantes (11.171 exactamente) que carece dun instituto”.

0.19700193405151