Manuel Outumuro cede parte do seu traballo fotográfico á Fundación Curros Enríquez

OurenseXa
O obxectivo do fotógrafo, orixinario da Merca, é enriquecer os fondos bibliográficos comarcais da biblioteca da Casa dos Poetas de Celanova a través dunha colección de libros e catálogos sobre a súa traxectoria
Manuel Outumuro
Manuel Outumuro
27 sep 2024

Aproveitando a inauguración das dúas exposicións organizadas polo fotógrafo natural da Merca, Manuel Outumuro, tanto no Centro Cultural Marcos Valcárcel coma na propia localidade da Merca, con motivo da presente edición do OUFF, o “artesán da fotografía” quixo que gran parte da súa obra fotográfica que se reproduce nos devanditos catálogos poida estar a man daquelas persoas que desexen consultalas, enriquecendo con elo os fondos bibliográficos comarcais da biblioteca da Casa dos Poetas.

Manuel Outumuro é fillo da Terra de Celanova por ter nacido na capitalidade municipal da Merca, onde residiu ata os dez anos, cando na compaña dos seus país trasladou a súa residencia a Barcelona, onde comezou a súa formación artística e dende onde ten desenvolvido unha das máis prolíficas e valoradas traxectorias profesionais, non so nacionais, senón tamén internacionais, no campo da fotografía.

A concepción e deseño das dúas exposicións que hoxe se atopan montadas en Ourense e A Merca, como el mesmo ten declarado, ten suposto un retorno emocional ás súas orixes, dándose conta de que moitas das vías de traballo exploradas como fotógrafo tiveron como alicerce as súas vivencias infantís, non só na Merca, senón tamén no entorno vital no que estas aconteceron, como é o caso dos danzantes do gremio dos zapateiros que honran cada ano coa súa danza á Virxe do Cristal (Vilanova dos Infantes), que a el sempre o ilusionaron de neno, razón pola cal unha foto do propio Outumuro forma parte principal da exposición no Centro Cultural.

A Fundación Curros Enríquez quere facer público o seu agradecemento a Manuel Outumuro “por ter pensado nesta xenerosa doazón e felicítase por seguir incrementando os fondos locais (achegados por personaxes, como é o seu caso, universais) para seguir configurando ese mundo sen fronteiras que, como dixo o poeta, se chama Celanova”.

0.096729040145874