Manuel Pardo anima aos comercios de Ourense a adherirse á campaña dos bonos Activa Comercio da Xunta

O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, animou aos establecementos comerciais da provincia de Ourense a sumarse á campaña dos bonos Activa Comercio, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración co obxectivo de incentivar a demanda e apoiar o comercio local.
Pardo realizou estas declaracións durante unha visita ao establecemento OrenÓptica, na cidade de Ourense, un dos máis de 500 negocios da provincia que xa se adheriron á edición de 2026 deste programa. Neste contexto, destacou que a iniciativa “permitirá incrementar as ventas do comercio, ao tempo que os bonos de desconto outorgarán unha maior capacidade de compra aos consumidores”.
O delegado territorial lembrou que o prazo de adhesión permanece aberto ata o 15 de decembro e sinalou que os establecementos poderán sumarse unha única vez para as distintas edicións deste ano, un sistema que, segundo indicou, mantense como parte da simplificación administrativa impulsada pola Xunta.
Así mesmo, Manuel Pardo subliñou que, tras o éxito de convocatorias anteriores, o Goberno galego volverá poñer en marcha en 2026 os bonos Activa Comercio, cun crédito inicial de 5 millóns de euros, en coordinación co sector. O obxectivo, segundo explicou, é seguir apoiando as persoas consumidoras e fomentar as compras no comercio minorista.
O representante autonómico enmarcou esta medida no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, deseñado xunto ao sector para impulsar os máis de 32.000 establecementos comerciais da comunidade, que dan emprego a preto de 107.000 persoas.