Manuel Pardo chama á cidadanía ourensá a reducir o uso de bolsas de plástico e apostar por un consumo máis responsable

OurenseXa
A campaña do Día Internacional Libre de Bolsas de Plástico prevé repartir máis de 1.000 bolsas de tea nas prazas de abastos das sete grandes cidades galegas
manuel-pardo-campaña-plasticos
3 Jul 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá na Praza de Abastos da cidade nos actos organizados con motivo do Día Internacional Libre de Bolsas de Plástico, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para promover a redución do consumo deste material.

Baixo o lema Na túa compra resta plásticos, suma futuro, Manuel Pardo trasladou unha mensaxe dirixida á cidadanía para fomentar hábitos de consumo máis responsables e sensibilizar sobre a necesidade de diminuír o uso de plásticos.

No marco desta campaña, o delegado explicou que nas prazas de abastos das sete grandes cidades galegas se repartirán máis de 1.000 bolsas de tea co obxectivo de impulsar alternativas sostibles ao plástico dun só uso. Neste sentido, sinalou que esta medida pretende “afastarnos da cultura de usar e tirar e facer que o noso día a día sexa moito máis sostible”.

Durante a súa intervención, Manuel Pardo destacou a aposta de Galicia por medidas centradas na prevención e na redución do impacto ambiental. “Reducir o uso de plásticos na orixe é a mellor garantía de futuro”, afirmou. Ademais, engadiu que “cada decisión de consumo conta. Cada bolsa que evitamos é un paso cara a un sistema máis sólido, máis eficiente e máis independente das flutuacións do mercado”.

Segundo os datos correspondentes ao ano 2025, Galicia acadou unha taxa de reciclaxe de plásticos do 57,8 %, unha cifra que supera en case oito puntos o obxectivo do 50 % establecido pola normativa estatal e europea.

Desde a Xunta tamén se destacou o impacto que este sistema ten en termos de sostibilidade enerxética. O traballo desenvolvido na recuperación de plásticos, tanto ríxidos como tipo film, permitiu un aforro superior aos 190 millóns de quilovatios hora, evitando o elevado consumo de enerxía que suporía a fabricación de plástico virxe.

A administración autonómica tamén puxo en valor a participación do tecido empresarial galego nesta estratexia. Actualmente son 136 as empresas que aplican plans de prevención de envases, unha medida que permitiu aforrar 4.109 toneladas de materias primas. Segundo se indicou, este dato reflicte a implicación do sector produtivo coa filosofía de “restar” para sumar en termos de sostibilidade.

Manuel Pardo lembrou ademais que a Xunta incorporou, a través do Plan de Xestión de Residuos Municipais de Galicia, distintas medidas dirixidas á prevención dos residuos de envases e á redución do impacto dos produtos plásticos dun só uso, promovendo un consumo máis responsable e a diminución deste tipo de residuos.

A Xunta sinala que continúa avanzando na súa estratexia a favor da sostibilidade mediante unha xestión dos residuos baseada na prevención, a preparación para a reutilización e a reciclaxe, medidas consideradas fundamentais para avanzar cara a un modelo de economía circular e unha transición enerxética ordenada e xusta.

0.13305687904358