Manuel Pardo destaca en Allariz la nova convocatoria do Bono Nova Oportunidade para fomentar o emprendemento

OurenseXa
O representante autonómico lembrou que a Xunta mantén aberto o prazo desta nova convocatoria ata o 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito, que ascende a 1,5 millóns de euros
manul-pardo-bono-nova-opoortunidade-allariz
6 May 2026

O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, puxo en valor este martes en Allariz o compromiso do Goberno galego co apoio ao emprendemento mediante a nova convocatoria do programa Bono Nova Oportunidade, destinado a persoas autónomas que cesasen a súa actividade e queiran iniciar un novo proxecto empresarial.

Durante unha visita realizada a un establecemento de peiteado rexentado por Yolanda Martínez —unha das beneficiarias da convocatoria anterior, cunha axuda de 8.000 euros—, Pardo estivo acompañado pola alcaldesa de Allariz, Cristina Cid.

O representante autonómico lembrou que a Xunta mantén aberto o prazo desta nova convocatoria ata o 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito, que ascende a 1,5 millóns de euros. O obxectivo é facilitar o regreso á actividade económica de persoas emprendedoras que, tras ter que pechar os seus negocios, decidan volver emprender.

Pardo destacou que na convocatoria de 2025 a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou na provincia de Ourense un total de 147.000 euros a este programa de apoio ao colectivo autónomo.

Así mesmo, subliñou que o Bono Nova Oportunidade forma parte dunha orde única dotada con preto de 41 millóns de euros, que agrupa distintos programas de apoio ao traballo autónomo.

Segundo explicou, para acceder a estas axudas é necesario, entre outros requisitos, estar inscrito como demandante de emprego sen ocupación efectiva no momento da alta como autónomo, ter cotizado previamente polo menos tres meses de forma ininterrompida por conta propia, ter domicilio fiscal en Galicia antes da nova alta e ter transcorrido un mínimo de seis meses entre a baixa anterior e a nova actividade.

O importe da axuda é de 7.500 euros, que pode incrementarse en 500 euros adicionais no caso de que a persoa beneficiaria sexa muller, e non está condicionada a gastos concretos do proxecto.

En relación coa política global de apoio ao colectivo autónomo, o delegado territorial sinalou que a Xunta destina en 2026 preto de 42 millóns de euros, canalizados a través dunha orde única que integra cinco programas: promoción do emprego autónomo e cota cero, consolidación de negocios mediante o Bono Autónomo, relevo xeracional co Bono Remuda, o propio Bono Nova Oportunidade e medidas de conciliación entre a vida laboral e familiar.

0.10815501213074