Manuel Ríos San Martín presenta en Ourense Black o seu thriller ‘No te fíes de ellos’

O escritor, director e guionista Manuel Ríos San Martín visitará Ourense o vindeiro xoves 26 para participar en Ourense Black, onde presentará a súa nova novela, ‘No te fíes de ellos’.
A obra é un thriller cultural que parte de feitos reais vinculados á desaparición e posterior reaparición de grandes obras de arte. A través da investigación dunha organización secreta coñecida como a Corporación, a trama traslada ao lector a un misterio que se estende ao longo de varios séculos e que retoma o universo creado polo escritor Fernando Marías.
A novela constrúese entrelazando casos reais como o do cadro ‘Salvator Mundi’, atribuído a Leonardo da Vinci, a desaparición de manuscritos de Franz Kafka ou o Réquiem que Wolfgang Amadeus Mozart deixou inacabado, dando forma a unha trama que combina verosimilitude e ficción.
Paralelamente, a historia segue a dúas protagonistas femininas. Por unha banda, unha restauradora do Museo do Prado que, ao intentar autentificar un lenzo inédito relacionado coa serie que Francisco de Goya dedicou ao 2 e ao 3 de maio, descobre un segredo que podería poñer en xaque ao mundo da arte internacional. Pola outra, unha inspectora de policía que investiga o asasinato dunha estrela internacional do pop durante o backstage dun macroconcerto celebrado no estadio Santiago Bernabéu, e que sospeita que tras un aparente crime pasional se esconden motivacións moito máis escuras.
Ambas as dúas tramas, en principio independentes, converxen nunha rede de conspiracións e loitas de poder na que ningún dos personaxes pode confiar plenamente nos demais.
Manuel Ríos San Martín (1965) é licenciado en Ciencias da Información e conta cunha ampla traxectoria como produtor executivo, director e guionista en series de televisión como ‘Colegio mayor’, ‘Médico de familia’, ‘Compañeros’, ‘Raphael’, ‘Sin identidad’ e ‘Operación Barrio Inglés’. Tamén participou como guionista na miniserie de TVE dedicada ao ladrón coñecido como Cásper. No terreo cinematográfico, dirixiu as películas ‘No te fallaré’ e ‘La huella del mal’, e colaborou nos guións de ‘Amigos...’ e ‘Maradona, la mano de Dios’. Así mesmo, coordinou e coescribiu o libro ‘El guion para series de televisión’, editado polo Instituto de RTVE.
Como novelista, é autor dos thrillers ‘Círculos’, ‘La huella del mal’ —cuxa adaptación ao cine superou os cinco millóns de espectadores—, ‘Donde haya tinieblas’ e ‘El olor del miedo’, esta última tamén en proceso de adaptación audiovisual. ‘No te fíes de ellos’ é a súa novela máis recente.