Marcha Mundial das Mulleres lanza unha campaña contra as violencias machistas nos centros educativos de Ourense

Marcha Mundial das Mulleres de Ourense presentou a campaña “Espazos Educativos Libres de Violencias Machistas”, unha iniciativa coa que busca denunciar e visibilizar situacións de violencia que, segundo a organización, afectan a mulleres e nenas en centros educativos da provincia.
Marcha Mundial das Mulleres sinala que esta campaña nace da preocupación e da indignación ante feitos que consideran graves e que requiren unha resposta inmediata por parte das administracións educativas. O obxectivo, segundo explican, é garantir que os centros sexan espazos seguros e libres de abusos, acoso e calquera forma de violencia.
Como primeira acción pública, o colectivo dirixiuse á Inspección Educativa para solicitar medidas urxentes no Instituto Xulio Prieto Nespereira (O Sexto), onde afirman que existen situacións das que xa tería coñecemento a administración.
Durante a presentación, a organización criticou a falta de axilidade e transparencia institucional e puxo como exemplo a xestión doutros casos anteriores na cidade, que consideran mal resoltos.
As integrantes da campaña insisten en que as violencias machistas non son episodios illados, senón un problema estrutural que require intervención firme. Por iso, reclaman actuacións inmediatas á Inspección Educativa, á Dirección Territorial e á Consellería de Educación da Xunta de Galicia, incluíndo investigacións rigorosas, medidas cautelares e protección efectiva das posibles vítimas.
Tamén esixen acompañamento ás persoas afectadas e a creación de protocolos claros que eviten a impunidade e garantan a seguridade dentro dos centros educativos.
A campaña incorpora varias canles de comunicación para recoller información e denuncias: un número de WhatsApp (603 962 632), o Instagram @mmmgaliza e a web espazoseducativos.feminismo.info. Desde a organización aseguran que seguirán recollendo e facendo públicas situacións de violencia ata conseguir espazos educativos libres de violencias machistas.