Marta Nóvoa destaca o papel do persoal público local como “indispensable” para a veciñanza

A vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa participou este martes na inauguración dunha xornada centrada nos retos actuais do emprego público local, organizada pola Deputación de Ourense en colaboración con Vento Abogados & Asesores.
O encontro desenvólvese no Centro Cultural Marcos Valcárcel e reúne a máis de media ducia de xuristas e expertos que analizan cuestións clave na xestión do emprego público local, como a estabilización do persoal, o rexistro horario, as canles de denuncia e as últimas novidades xurídicas.
Durante a súa intervención, Nóvoa puxo en valor o traballo dos empregados públicos locais, aos que definiu como “persoal indispensable para resolver os problemas da veciñanza”. Tamén subliñou a importancia deste tipo de encontros, que abordan asuntos “de gran interese e complexidade que nos esixe aos que estamos ao fronte das administracións coñecer as novidades e os cambios lexislativos nesta materia”.
A vicepresidenta primeira sinalou ademais que as entidades locais afrontan un contexto complexo, marcado polos cambios normativos constantes, a necesidade de atraer e reter talento, os procesos de estabilización do emprego e a dixitalización dos procedementos con garantías xurídicas.
Neste sentido, destacou o papel da Deputación de Ourense como “aliados estratéxicos dos concellos da provincia”, promovendo estas xornadas para contribuír a simplificar a xestión administrativa e evitar que a súa complexidade supoña un freo para o rural.
Baixo o título “Problemática actual do emprego público nas entidades locais”, o foro inclúe mesas de análise e formación moderadas por técnicos da propia Deputación. A xornada culminará cun acto de clausura previsto para as 14:00 horas.