Mobilizacións en Ourense contra a nova reforma das pensións
Decenas de persoas concéntranse este xoves, 3 de outubro, fronte a Subdelegación do Goberno de Ourense en resposta ao acordo para a reforma das pensións asinado polo Goberno español, a patronal e os sindicatos UGT e CCOO no marco do diálogo social. Esa modificación afecta directamente ao dereito a unha xubilación digna e avanza na privatización da sanidade pública, máis até o momento nin se fixo público o seu contido íntegro nin se publicou texto normativo ningún, o que, en palabras do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, "nos leva a pensar que o acordo é aínda moito peor e máis regresivo do que se coñece".
As mobilizacións convocadas pola CIG, estanse a producir de maneira simultánea en todas as cidades galegas.
“Con este acordo avalado polos sindicatos españois estase a dificultar o acceso á xubilación parcial e non se resolven as reivindicacións de colectivos laborais que padecen condicións de especial penosidade, perigosidade ou toxicidade”, explican desde a CIG. Carril reitera que toda modificación que non supoña recuperar a xubilación parcial aos 61 anos, en todas as actividades, "constitúe un prexuízo para os dereitos que a clase traballadora xa tiña recoñecidos e que lle foron roubados nas diferentes reformas das pensións encadeadas desde o ano 2011".
Afóndase tamén na privatización da sanidade pública ao ampliar os ámbito de actuación das mutuas na xestión da saúde das persoas traballadoras. O Goberno español, sen pasar polo Congreso nin por ningún ámbito institucional, asume os acordos atinxidos entre a patronal estatal e os sindicatos CCOO e UGT no V AENC para que sexan estas entidades privadas as que xestionen os procesos de Incapacidade Temporal e as patoloxías derivadas de enfermidades músculo-esqueléticas.
A CIG advirte que esta medida, posta en man do PP na Xunta de Galiza, pode multiplicar os seus efectos negativos como unha nova ferramenta para desmantelar o sistema sanitario público.
Reducción da xornada laboral
Outra das cuestións que se está a abordar nas asembleas é o debate para a redución da xornada laboral, da que se vén de anunciar que o “Goberno español pretende untar a pequena empresa para que acepte a súa redución, diluíndose a reivindicación das 35 horas, que é onde tiña que estar realmente o obxectivo, tal e como levou a CIG nas mocións aos concellos na campaña Stop Precariedade”.
A carón destas cuestións está tamén a implantación do modelo de Formación Profesional dual e como impactará no mercado laboral, xa que, segundo a CIG, “todo indica que vai favorecer a explotación desa mocidade que vai entrar nos centros de traballo como man de obra barata”.
“Neste contexto, o Goberno do PP na Xunta lánzase desatado a repenicar políticas ditadas desde Madrid, máis preocupado pola lei de amnistía e por atacar o concerto singular para Catalunya que por deseñar medidas que melloren a vida das galegas/os e reclamar un financiamento xusto para Galiza”, denuncian.