Morre o histórico presentador galego Xosé Manuel Piñeiro

OurenseXa
Nacido en Allariz en 1957, o presentador faleceu este mércores a causa dun cancro
Xosé Manuel Piñeiro
Xosé Manuel Piñeiro
22 Jan 2025

O histórico presentador Xosé Manuel Piñeiro (Allariz, 1957), faleceu este luns aos 68 anos a causa do cancro que padecía dende 2018.

Tamén coñecido como o Superpiñeiro polo seu papel como presentador do Supermartes, Piñero converteuse nunha das caras máis queridas e coñecidas da Televisión de Galicia.  Unha extensa traxectoria coa que logrou, en 2014, facerse como Premio Rebulir á Cultura Galega.

Ademais da súa faceta como  xornalista e presentador de televisión, Piñeiro era licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, e traballou como educador e orientador nos institutos ourensáns de Finca Sevilla (actualmente chamado IES Ferro Couselo) e As Lagoas, así como na Universidade Laboral de Ourense.

O Concello de Allariz lamenta a perda

O Concello de Allariz lamenta a perda do seu veciño, e destacan a súa labor como embaixador da vila. "Dende o Concello de Allariz lamentamos profundamente a perda do noso veciño Xosé Manuel Piñeiro (Superpiñeiro) gran embaixador de Allariz  e defensor das nosas  tradicións e costumes" , sinalan nun comunicado.

Destacan o seu legado nos eidos da comunicación, educación e música que, aseguran "perdurará en todas as veciñas e veciños de Allariz , onde era un mais".  Ademais, poñen en valor a súa traxectoria profesional  "exemplar", e destacan "o seu compromiso e entrega no exercicio da súa labor, facendo das súas accións un modelo de adicación e responsabilidade".

"A súa presenza entre nós deixou unha pegada que permanecerá nos corazóns de quen o coñeceu, e a súa memoria seguirá viva en Allariz onde sempre será recordado con gran cariño e admiración. A corporación Municipal e a veciñanza de Allariz traslada o seu sentido pésame , apoio e afecto  aos seus seres queridos e familia", rematan.

0.16690492630005