Mozos e mozas de Down Ourense participan na Liga Española de Debate Universitario
A mediados do vindeiro mes de xuño celébrase en Madrid a Liga Española de Debate Universitario (LEDU) entre mozos e mozas con discapacidade intelectual, na que oito membros da asociación Down Ourense participarán para intentar alzarse co título de campións.
Tralas exitosas experiencias de anos anteriores, este 2024 celebrarase unha nova edición de “Eu teño opinión”, na que participarán doce equipos de oito provincias españolas, formados por persoas con discapacidade intelectual.
Esta edición é a segunda na que participan mozos e mozas de Down Ourense que, tras iniciarse no mundo do debate o ano pasado, non dubidan en volver demostrar as súas dotes oratorios nesta iniciativa nacional.
“Eu teño opinión” comeza cunha formación intensiva, dirixida a preparadores e representantes das entidades participantes, co obxectivo de achegarlles o mundo do debate e da oratoria.
Posteriormente, os equipos, acompañados por LEDU e mentores de empresas colaboradoras, preparan a pregunta sobre a que debaterán. Nesta ocasión, o tema escollido é “É posible manter unha alimentación saudable nos nosos días?”.
A competición desenvolverase en dúas fases: unha fase de grupos e a gran final. Na primeira delas, os doce equipos dividiranse en dous grupos. Seis deles estarán a favor do tema proposto e os outros seis defenderán a postura contraria. De cada grupo clasificarase o mellor equipo, que pasará á gran final.
“Eu teño opinión” vai dirixido a persoas mozas con discapacidade intelectual e o seu obxectivo é visibilizar o seu talento para que poidan incluílo nos seus currículos para mellorar a súa inclusión no mercado laboral ordinario.
A Liga Española de Debate Universitario é unha competición creada no 2000, que cada ano aglutina aos mellores oradores e oradoras do noso país. 2022 foi o primeiro ano en que persoas con discapacidade intelectual participaron neste evento, abrindo así unha porta máis á participación e a inclusión do colectivo. A edición de 2024 celebrarase os días 15 e 16 de xuño en Madrid.
Down Ourense solicita a colaboración do tecido empresarial ourensá
Para poder cubrir os gastos que supón a participación dos membros da entidade no evento de Madrid, a asociación Down Ourense está buscando posibles empresas que colaboren economicamente con este proxecto.
Así mesmo, queren agradecer publicamente a colaboración de Galfor, única empresa colaboradora ata o momento.
Todas aquelas empresas que queiran colaborar, poden poñerse en contacto coa entidade a través do correo electrónico downourense@downgalicia.org ou do teléfono 988 37 03 13.