Nace en Ourense o proxecto “Xogando entre lembranzas” para recuperar xogos tradicionais a través das persoas maiores do SAF

A Sala Valente acolleu esta mañá a presentación de “Xogando entre lembranzas”, unha iniciativa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ourense que pon o foco nas persoas maiores como transmisoras de cultura, experiencia e valores a través da recuperación dos xogos tradicionais da súa infancia.
O proxecto, impulsado pola empresa xestora do SAF, Clece, recompila as lembranzas das persoas usuarias do servizo, que compartiron os xogos cos que medraron nunha época na que a rúa era o principal espazo de encontro e a imaxinación o principal recurso de lecer. O resultado materialízase nunha revista ilustrada que reúne xogos tradicionais como o agocho, o pano, as bicas ou a billarda, achegándoos ás novas xeracións como alternativa de ocio saudable e compartido.
Na presentación participaron a concelleira de Asuntos Sociais, Tamara Silva, e a delegada social de Clece, Laura Cantero. Segundo explicaron, no desenvolvemento do proxecto participaron as 214 auxiliares do servizo, que colaboraron na recollida de testemuños entre as 486 persoas usuarias actuais, ás que se lles preguntou polos xogos da súa infancia.
O Concello anunciou ademais que dará continuidade á iniciativa mediante actividades en centros educativos, nas que a cativada poderá coñecer de primeira man estes xogos tradicionais a través das visitas das persoas participantes no proxecto.
Durante a elaboración da publicación recolléronse múltiples testemuños que reflicten a vida cotiá de distintas xeracións. Celso Crespo, de 84 anos, lembra como unha simple tella servía para debuxar na rúa xogos como o castro ou a mariola. Pola súa banda, Luz Rocío Cadavid, de 93 anos, recorda as tardes xogando ao “truco” coas amigas, nas que o máis importante era compartir momentos fóra e non os xogos que agardaban na casa.
Tamén María Milagros González, de 75 anos, evoca reunións en todo o pobo para xogar ao pañuelo, mentres que Manuel Blanco, de 91 anos, lembra a súa destreza coas bicas, un xogo no que destacaba entre os seus compañeiros. “Quixemos recoller non só xogos, senón lembranzas cargadas de emoción que demostran que o máis valioso non era o que se tiña, senón como se compartía”, explica Lara Cantero.
A iniciativa enmárcase nunha estratexia de envellecemento activo e de loita contra a soidade non desexada, promovendo espazos de encontro entre xeracións.
“Lembrar é volver pasar polo corazón. Para moitas persoas maiores, evocar a súa infancia é unha forma de benestar emocional e de reafirmar quen son”, destacan desde o Servizo de Axuda no Fogar.
Nun contexto marcado polo uso de pantallas e o ocio individual, o proxecto aposta polo xogo compartido, a creatividade e as relacións humanas como ferramentas de convivencia e aprendizaxe interxeracional.