Nakary Agüero presenta no Carballiño a súa primeira novela 'Mi Luis no es un Vuitton'

OurenseXa
A obra narra en primeira persoa o momento de dificultade vital dunha muller adulta, nunha historia inspirada en experiencias reais
Nakary Agüero 'Mi Luis no es un Vuitton'
24 Oct 2026

O salón de plenos do Concello do Carballiño foi este venres o escenario escollido para a presentación da primeira novela de Nakary Agüero, veciña da localidade, titulada 'Mi Luis no es un Vuitton'.

A autora, que durante anos traballou nunha tenda de gominolas da vila, apoiouse tanto na súa propia experiencia persoal coma nas vivencias compartidas por numerosas clientas para artellar esta historia. Durante o acto, a concelleira de Educación, Lorena Castro, puxo en valor a proposta literaria e trasladoulle á escritora os seus mellores desexos de cara ao futuro: "Desexámoslle moitos éxitos e esperamos que esta sexa a primeira de moitas novelas máis". A edil aproveitou tamén para lembrar que o Concello está a disposición da veciñanza para axudar a difundir e apoiar calquera iniciativa de carácter creativo.

Canto ao contido do libro, trátase dun thriller psicolóxico con toques de comedia negra que relata, en primeira persoa, o duro momento persoal que atravesa unha muller adulta. A propia Agüero explicou a orixe da obra: "O divorcio que vivín inspiroume para crear este libro, para algunhas persoas servirá de espello, ou de advertencia, ou lle desvelará unha verdade". A escritora engadiu que, pola forma en que está construída a trama, moitos lectores poderán sentirse identificados, xa que, nas súas propias palabras, "somos moitas Nataly e Luismi na rúa".

De momento, 'Mi Luis no es un Vuitton' xa se pode mercar a través de Amazon, tanto en formato dixital coma en papel, e tamén está dispoñible na libraría Ábaco. A autora confía en que, nas próximas semanas, o libro chegue tamén a outros comercios da vila.

0.16280794143677