NovoCine Leiro proxecta esta semana 'Digger' e 'La bola negra'

NovoCine Leiro continúa esta semana coa súa programación de cine, que inclúe dous títulos de corte moi diferente pensados para todos os públicos. A oferta, que se estende ata o próximo xoves 15 de outubro, combina unha comedia con trazos de sátira política e un drama de ambientación histórica.
Por unha banda, a sala proxecta 'Digger', protagonizada por Tom Cruise e dirixida por Alejandro G. Iñárritu. Trátase dunha produción que recorre ao humor negro para narrar a historia dun home con gran poder decidido a presentarse como o salvador da humanidade, malia ser el mesmo a orixe da catástrofe que ameaza con acabalo todo. Esta película poderá verse os días martes 13, mércores 14 e xoves 15, cunha única sesión diaria ás 20.00 horas.
Por outra banda, continúa en cartel 'La bola negra', o novo traballo de Los Javis. A cinta entrelaza as vidas de tres homes pertencentes a distintas épocas, abordando temas como o amor, o desexo, a dor e os segredos que arrastran do pasado. O proxecto toma como punto de partida unha obra inacabada de Federico García Lorca e conta cun reparto destacado, entre o que figuran Guitarricadelafuente, Miguel Bernardeau, Penélope Cruz e Glenn Close. Esta película, que xa se proxectou durante a fin de semana, terá a súa última función o xoves 15 de outubro ás 20.00 horas.
Desde a organización do cine destacan que se trata de "dúas películas, dúas formas de vivir o cine" nunha nova semana pensada para gozar da gran pantalla sen necesidade de saír de Leiro.
Quen estea interesado en acudir a algunha das sesións pode adquirir as súas entradas de maneira anticipada a través da páxina web do cine, evitando así colas e facilitando a organización da visita.