O 39º Campamento Urbano de Amencer celebra o “Día da Provincia” co apoio da Deputación

A Deputación de Ourense colabora un ano máis coa Asociación Xuvenil Amencer na celebración do “Día da Provincia”, unha das actividades incluídas no programa do 39º Campamento Urbano “Ourense 2026”.
O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, achegouse esta mañá á base do campamento para saudar as persoas participantes e o equipo de monitores antes da saída cara aos diferentes concellos. A xornada está deseñada para que a rapazada coñeza distintos lugares da provincia e comparta actividades coa mocidade das localidades visitadas.
Rosendo Fernández destacou “o firme compromiso da Deputación cunha iniciativa que, despois de 39 edicións, é xa un verdadeiro clásico do verán ourensán e un exemplo de educación en valores, convivencia e participación xuvenil”.
Nesta edición, once autobuses desprazáronse ata Toén, Esgos, Maceda, Castrelo de Miño, Ribadavia, A Peroxa e A Merca. Ao longo do día están previstas diferentes propostas, entre elas xogos, actividades culturais, visitas e actividades náuticas, ademais de momentos de convivencia nas piscinas municipais xunto coa rapazada de cada concello.
“O Día da Provincia permite que as novas xeracións coñezan mellor o seu territorio, descubran a súa riqueza e reforcen o sentimento de pertenza a Ourense”, afirmou o deputado.
Rosendo Fernández tamén puxo en valor o traballo desenvolvido pola Asociación Xuvenil Amencer, á que agradeceu “o seu extraordinario labor e a súa capacidade para ofrecer cada verán alternativas de lecer educativo que deixan pegada en centos de mozos e mozas”.