O acto ‘Dereitos á acción’ do Día Mundial da Infancia reunirá en Ourense a preto de 300 menores

GaliciaXa | OurenseXa
O encontro celebrarase o xoves 19 de novembro na Facultade de Ciencias do campus, onde alumnado de varios centros galegos exporá propostas sobre saúde, igualdade e protección fronte á violencia
NEDA nenos
Imaxe de arquivo ilustrativa
16 Nov 2026

O Salón Marie Curie da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense (UVigo) acollerá o vindeiro xoves, 19 de novembro, de 11.00 a 13.00 horas, o acto central con motivo do Día Mundial da Infancia, organizado pola Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) baixo o lema ‘Dereitos á acción’.

Está previsto que participen arredor de 300 nenos, nenas e adolescentes procedentes de distintos centros educativos e entidades sociais de Galicia. Ao longo da xornada, exporán as súas reflexións, inquedanzas e propostas arredor do cumprimento dos dereitos da infancia, a través de diferentes intervencións preparadas polo propio alumnado.

O encontro estará conducido por dous representantes do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA) e contará coa participación institucional de Mónica Viqueira, presidenta da POIG. Tamén está prevista, aínda que pendente de confirmación, a presenza dunha representación da Consellería de Política Social e Igualdade.

A parte musical do programa correrá a cargo dos artistas Tai e Risk, da man da escola Vella Escola Cultura Urbana, que ofrecerán senllas actuacións de beatbox e rap como complemento ás intervencións do alumnado.

Baixo o lema ‘Dereitos á acción’, a organización pretende poñer o acento na necesidade de pasar do recoñecemento teórico dos dereitos da infancia ao seu cumprimento real, dando protagonismo ás opinións dos propios menores nas decisións que lles afectan. Nesta edición, os contidos centraranse especialmente en tres ámbitos: a saúde, a igualdade e non discriminación, e a protección fronte á violencia.

Segundo trasladan desde a POIG, o obxectivo da cita é dobre: por unha banda, dar espazo a que a infancia sexa escoitada; pola outra, lembrar ás administracións a responsabilidade de converter esas demandas en medidas e compromisos concretos.

0.28906321525574