O alcalde de Barbadás pide ao PSdeG que rectifique na conciliación tras desestimarse a denuncia contra el

OurenseXa
Valcárcel sostén que a resolución xudicial avala a súa actuación e fala dunha “operación política”, logo de ser acusado por un presunto caso de acoso laboral
xose-carlos-valcarcel-rolda-de-prensa
5 Jun 2026

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, pediu este xoves aos dirixentes do PSdeG-PSOE a nivel galego e ourensán que rectifiquen na vista de conciliación prevista para a próxima semana, tras a desestimación da denuncia presentada pola exconcelleira do goberno municipal.

O rexedor compareceu acompañado polos letrados David del Río e Alberto Arca, representantes do Concello e da súa defensa, respectivamente, que explicaron o contido da sentenza. Segundo indicaron, “a xuíza considera que non existe ningún tipo de acoso laboral por parte do alcalde” nin tampouco “vulneración de ningún dereito fundamental da concelleira”.

Valcárcel sostén que o procedemento iniciado o pasado mes de decembro quedou resolto coa decisión xudicial e criticou as acusacións recibidas durante os últimos meses por parte de responsables do seu partido e antigas compañeiras de goberno. “Primeiro falaron de acoso en xenérico, despois de encubrimento de acoso sexual, que a día de hoxe nin sequera está denunciado, e finalmente de acoso laboral”, sinalou, engadindo que a demanda desestimada se baseaba nunha suposta infracción en materia de prevención de riscos laborais.

O alcalde cualificou o proceso como unha “operación política dirixida para desviar a atención ante o presunto caso de acoso sexual do expresidente da Deputación de Lugo e aínda alcalde de Monforte”, e asegurou sentirse vítima dunha “purga” motivada por intereses internos.

Valcárcel tamén expresou o seu malestar pola actitude do seu partido, afirmando que se viu sometido a unha situación “especialmente dolorosa” tras case tres décadas como militante socialista e once anos como alcalde. Criticou ademais a postura de excompañeiras de goberno e comparou a situación con outros casos políticos, sinalando diferenzas na resposta interna do partido.

Neste contexto, instou ao PSdeG-PSOE e ás persoas implicadas a “saber recoñecer os seus erros, estar á altura das circunstancias e resolver isto dun xeito amistoso, rectificando e pedindo as correspondentes desculpas” na conciliación fixada para o 11 de xuño.

O rexedor aproveitou tamén para poñer en valor o traballo do goberno municipal, asegurando que, pese ás dificultades, o Concello continúa funcionando con normalidade. “Hoxe seguimos gobernando cun equipo reducido, pero cunha implicación maximizada, mesmo por parte do persoal municipal”, afirmou.

0.11607909202576