O alcalde de Ourense reivindica a execución “urxente” das obras de mellora no tramo entre Ourense e Chantada

OurenseXa
Gonzalo Pérez Jácome reclama melloras nas infraestruturas periféricas na cidade e na provincia de Ourense
jacome-ceo
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibe no Concello a comisión de infraestruturas e PXOM da CEO
3 may 2024

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu onte no Concello a comisión de infraestruturas e PXOM da Confederación Empresarial de Ourense. O alcalde trasladoulles o ”total apoio” do goberno municipal ás súas reivindicacións de melloras de infraestruturas periféricas na cidade e na provincia de Ourense, entre as que coincidiron en destacar a demanda das autovías que comunicarán a cidade de Ourense con Lugo e Ponferrada, comezando coa execución “urxente” do tramo entre Ourense e Chantada, que comparten as dúas.

Ao remate do encontro, Gonzalo Jácome explicou que “recibimos a Confederación Empresarial de Ourense para falar de infraestruturas periféricas, e desde o Concello apoiamos o 100% das demandas que fan. Entendemos que Ourense é unha terra discriminada e demandámoslles á Xunta de Galicia e ao estado español todas as infraestruturas que realmente son claves para o noso desenvolvemento e o para o noso día a día”. Con esta finalidade, o alcalde avanzou o compromiso do goberno municipal de apoiar estas reivindicacións, de promover mocións plenarias ou declaracións institucionais no seu apoio, como tamén de incorporarse a plataformas que persigan estes obxectivos: “A iniciativa que fan é perfecta; é o que Ourense necesita: reclamar e unirse para iso”, concluíu o rexedor.

Entre as diferentes obras necesarias, alcalde e CEO coincidiron en resaltar a necesidade de executar as autovías que comunicarán a cidade con Lugo e con Ponferrada. O alcalde reclamou do goberno do Estado a realización destas obras e que “se non poden facer fodo, que fagan xa o máis urxente”, coa posta en servizo dun  tramo “digno” entre Chantada e Ourense, que tería unha grande “rendibilidade social”, subliñando que “o necesitamos como auga de maio”, xa que a entrada actual á cidade “está mais preto do século XIX ca do século XXI”

Pola súa banda, o presidente da Comisión de Infraestruturas da CEO, Lisardo González, explicou que “lle solicitamos o apoio do alcalde do Concello de Ourense para que se leven a cabo dúas infraestruturas que son vitais para a cidade, como son a A-56 (Ourense-Lugo) e a A-76 (Ourense-Ponferrada)”, das que ambas teñen un tramo común: Chantada Ourense. Neste senso, expresou a demanda de que “o ministerio faga o esforzo correspondente para levalo a cabo xa, porque o acceso a Ourense pola parte norte é penoso, está limitado en 15 km. desde a cidade e desde Gustey temos un só carril de acceso”. A comisión trasladará tamén as demais administracións a súas reivindicacións e agarda “apoio de todos” para reactivar un proxecto que “a día de hoxe está absolutamente paralizado”.