O alcalde de Ourense valora o Entroido de 2025 como “o mellor de todos os tempos”

OurenseXa
Gonzalo Pérez Jácome destaca que o de este ano foi “o máis multitudinario da historia”
entroido-ourense-2025
6 Mar 2025

O Entroido de Ourense de 2025 foi “o mellor de todos os tempos”. Así o asegurou esta mañá o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, quen fixo balance desta nova edición da festa na cidade. O rexedor destacou a “impresionante” participación de público nas actividades programadas durante os 7 días de festa, desde o Xoves de Comadres ata o Enterro da Sardiña, e deu as grazas por estes resultados “aos cidadáns, que son os protagonistas da festa”.

“A nosa valoración do Entroido 2025 é a máis positiva: foi o mellor entroido de todos os tempos segundo os parámetros analizados”, manifestou Gonzalo Jácome. ”Nos últimos anos démoslle unha volta ao Entroido”, que, segundo el, “languidecera nas décadas anteriores”. “No ano 2020 xa lle demos un impulso, e agora levouse a un nivel inédito converténdoo, sen dúbida, e afianzándoo, como o mellor Entroido da metade norte de España”, destaca o rexedor.

O alcalde resaltou a afluencia “sen precedentes” do público en todos os eventos organizados dentro da programación festiva, entre os que subliñou o desfile do domingo de Entroido, que foi, di, “o máis multitudinario da historia”. Tamén fixo mención especial do ambiente nas rúas da cidade, tanto de día como de noite, cun notable aumento no “tardeo”. A este respecto, explica que “o ano pasado xa destacou o ambiente de tarde, pero este afianzouse, con moitísima xente nas rúas, na Praza Maior, na Praza de Santa Eufemia ou na Praza do Ferro, entre outras, desde as 7 tarde. En calquera caso, a afluencia de xente foi impresionante: nunca na historia de Ourense houbo tanta xente, de tarde e de noite: estivo a tope”, concluíu Pérez Jácome.

Tamén puxo de manifesto a transcendencia económica desta festa na cidade xa que o Entroido, “supón un importante estímulo á actividade de diferentes sectores, como a hostalaría, os aloxamentos, a elaboración de disfraces e moitos outros… O Entroido, é un dinamizador económico nada desprezable”, aseverou o alcalde, quen subliña que “a ocupación hoteleira rexistrou máximos históricos, con restaurantes con reservas esgotadas desde hai semanas”.

⚙ Configurar cookies
0.053867816925049