O alumnado de Cartelle participa nunha actividade educativa sobre urbanismo e coidado do territorio

O alumnado do CEIP de Cartelle participou hoxe nunha actividade do proxecto lúdico-educativo “Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do territorio”, unha iniciativa da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), enmarcada no Proxecto Terra, que busca sensibilizar aos escolares sobre a importancia da ordenación do territorio, a protección da paisaxe e o urbanismo sostible.
A proposta, na que participou a directora da APLU en Ourense, estivo dirixida ao alumnado de 3º a 6º de Educación Primaria, que puido coñecer dun xeito práctico e participativo o labor dos chamados “subinspectores urbanísticos” na conservación do territorio e na promoción de boas prácticas.
O proxecto desenvolvese en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e ten como finalidade achegar aos máis novos á realidade territorial galega, fomentando o coñecemento da súa contorna e valores vinculados ao respecto polo patrimonio, a paisaxe e o desenvolvemento sostible.
A xornada forma parte tamén da programación da Semana da Administración Aberta, unha iniciativa coa que se busca reforzar a transparencia, a participación cidadá e a proximidade da Administración á sociedade.
Neste contexto, a actividade celebrada en Cartelle enmárcase nun programa máis amplo que pretende dar a coñecer o funcionamento das institucións públicas e favorecer a implicación cidadá na planificación e avaliación das políticas públicas.