O alumnado do centro educativo de adultos do centro penitenciario de Pereiro de Aguiar exporá os seus traballos na Biblioteca Nós

OurenseXa
A biblioteca inaugurará este xoves unha mostra que reúne paneis elaborados coa técnica do marmoreado dentro dos programas levados a cabo desde este centro penitenciario para favorecer a inclusión
Biblioteca Pública Nós, Ourense
14 Apr 2026

A Biblioteca Pública de Ourense Nós inaugura este xoves 16 de abril ás 13.30 horas a exposición “A frase que me libera”, unha mostra creada polo alumnado do centro educativo de adultos do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar.

A exposición reúne paneis elaborados coa técnica do marmoreado arredor de seis emocións básicas, nos que se combinan cor, forma e reflexión persoal. O proxecto forma parte do Plan Proxecta de dinamización lingüística e emprega o galego como ferramenta de expresión e creación.

Durante o proceso, o alumnado —procedente de Galicia, doutras comunidades e doutros países— empregou o galego como vía para conectar coa propia identidade ou para descubrir unha nova lingua desde a que expresar emocións e experiencias de maneira significativa.

A iniciativa integra ademais educación emocional e inclusión, favorecendo a reflexión persoal e a reconstrución da identidade a través da arte e da palabra.

Desde a organización convidan á cidadanía a visitar a mostra e a coñecer o traballo que desenvolven institucións educativas como a EPAPU de Pereiro de Aguiar, orientadas a favorecer a inclusión social.

0.13166499137878