O alumnado do Obradoiro Dual de Emprego repinta a sinalización de 13 rúas do Carballiño

O Carballiño acolle desde o mes de xuño o Obradoiro Dual de Emprego, un programa posto en marcha pola Xunta de Galicia orientado a reforzar a formación e a incorporación ao mercado laboral de persoas en situación de desemprego, centrándose en oficios con alta demanda. En total, vinte persoas participan nesta iniciativa, repartidas en dúas especialidades: dez delas cursan aproveitamentos forestais, mentres que as outras dez se forman en pintura industrial e albanelaría aplicada á construción.
O programa combina clases teóricas cunha fase práctica na que o alumnado pon en uso o aprendido. No caso do grupo de pintura, a formación abrangue técnicas profesionais do oficio, preparación e tratamento de superficies, aplicación de revestimentos e execución de sinalización horizontal. Froito desta aprendizaxe práctica, os participantes xa completaron o repintado das marcas viais en trece rúas do casco urbano carballiñés.
Entre as vías xa intervidas, acompañados en todo momento polo seu equipo docente, figuran Evaristo Vaamonde, Eusebio Lorenzo, Florentino López Cuevillas, Adolfo Otero Landeiro, Blanco Amor, Curros Enríquez, Enrique Parrondo, Chamoso Lamas e Carlos Velo, ademais da Praza San Ramón, a Praza Maior, Aldara e Martínez Avellanosa. Segundo se indicou, nas próximas semanas os traballos de pintado estenderanse ao resto do concello.
Pola súa banda, o grupo centrado en aproveitamentos forestais recibe formación en xestión forestal sostible, manexo de maquinaria, traballos silvícolas, desbroces e labores de reforestación. Este colectivo xa levou a cabo actuacións na contorna do pavillón polideportivo Paco Chao e nos arredores do Museo da Fábrica de Papel.
O alcalde en funcións d'O Carballiño, José Castro-Gil, valorou positivamente o desenvolvemento do obradoiro, subliñando que supón unha ocasión destacada tanto para o alumnado como para a localidade. "Para os participantes é unha moi boa oportunidade de formarse e mellorar a súa empregabilidade e para a vila tamén é moi positivo, xa que realizan aquí as súas prácticas", sinalou o rexedor.