O alumnado dos colexios Josefinas e Padre Feijóo Zorelle celebran o Día de Europa

OurenseXa
Preto de cincuenta alumnos e alumnas de 4º da ESO dos colexios San José-Josefinas e Padre Feijóo Zorelle visitaron o Salón de Plenos do Pazo Provincial de Ourense para festexar o Día de Europa
alumnos-ourense-visitan-deputacion
O alumnado dos colexios Josefinas e Padre Feijóo Zorelle visitan o Pazo Provincial da Deputación de Ourense
8 may 2024

A vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa, recibiu esta mañá no Salón de Plenos do Pazo Provincial, a preto de medio cento de alumnos e alumnas de 4º da ESO dos colexios San José-Josefinas e Padre Feijóo Zorelle que, acompañados por tres profesores, celebraron o Día de Europa na Deputación de Ourense.

O colexio San José-Josefinas de Ourense é unha das Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo e como tal debe celebrar o Día de Europa, así como cooperar coa súa Escola Mentora do Parlamento Europeo que é o Colexio Padre Feijóo de Ourense.

Deste modo, os embaixadores júnior que forman parte do programa de ambos centros tiveron a oportunidade de compartir coa vicepresidenta primeira do goberno provincial, a súa opinión acerca da importancia das vindeiras eleccións europeas.

Neste sentido, Marta Nóvoa felicitounos por esta “excelente iniciativa” que achega ao alumnado un maior coñecemento de Europa onde se deciden “a maior parte das leis que aprobamos os Estados membro da Unión Europea e que nacen das directivas que marca o Parlamento Europeo”. Animounos a interesarse pola política afirmando que “forma parte da vida de todos e que está para resolver e axudar á xente”.