O Arquivo Histórico Provincial de Ourense inaugura a mostra 'Ramón Otero Pedrayo. 50º cadobano (1976–2026)'

O Arquivo Histórico Provincial de Ourense abriu este venres as portas da exposición 'Ramón Otero Pedrayo. 50º cadobano (1976–2026)', unha mostra que achega ao público a figura e a obra do intelectual ourensán a través dos fondos conservados nesta entidade pública e doutras entidades, no marco da programación do Ano Oteriano.
A iniciativa conmemora o 50º aniversario do pasamento de Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976) e tamén o centenario da publicación da súa Guía de Galicia. A través da documentación reunida, a exposición pretende render homenaxe a quen é considerado o “patriarca das letras galegas” e poñer en valor a súa achega á cultura e á literatura galegas do século XX.
A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 11 de setembro e reúne un total de 32 pezas documentais que permiten realizar un percorrido pola traxectoria vital e profesional do autor. Entre os fondos expostos destacan varios autógrafos de Ramón Otero Pedrayo, entre eles o poema A Estadea, o conto O sorriso da serea, correspondencia con Fermín Bouza Brey e un Informe sobor de unha idea de Historia de Galiza dirixido a Ferro Couselo e Cuevillas.
A exposición nace da colaboración entre diversas institucións e persoas, e incorpora testemuñas do autor conservadas no Arquivo e Biblioteca do centro, así como documentación procedente de coleccións particulares, ofrecendo unha visión ampla da súa dimensión intelectual e humana.
A mostra foi inaugurada este venres polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que a exposición constitúe “unha grande oportunidade para achegarse á dimensión humana e intelectual dunha das figuras máis relevantes da cultura galega contemporánea”, ao tempo que sinalou que a iniciativa busca “manter viva a vixencia do seu pensamento e divulgar entre a cidadanía un legado que continúa a ser unha referencia da identidade galega”.
Ademais, Anxo M. Lorenzo subliñou a vinculación de Ramón Otero Pedrayo coa provincia de Ourense, “terra á que dedicou boa parte da súa obra e da súa reflexión intelectual”, e destacou que a mostra permite “descubrir tanto a súa faceta literaria como a súa contribución ao desenvolvemento cultural e social de Galicia”.