O artista Uxío López inaugura en Ourense a súa nova exposición A diferenza repetida

O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense inaugura hoxe, ás 19.30 horas, a exposición A diferenza repetida, unha nova proposta do artista ourensán Uxío López que propón unha reflexión arredor da relación entre repetición e diferenza a través das linguaxes visuais contemporáneas.
A mostra parte dunha revisión da serie Agasallo consumista, iniciada polo autor no ano 2017, e xorde dunha reflexión sobre a necesidade actual de consumir e agasallar, mesmo en situacións nas que non existe unha necesidade real.
Segundo explica o propio artista, a orixe do proxecto atópase nos sobres de mensaxería utilizados para recibir discos de música, elementos que foi gardando ata convertelos na base dunha investigación artística centrada no consumo e na memoria.
A través desta exposición, Uxío López constrúe pezas nas que elementos que nun primeiro momento parecen idénticos presentan pequenas modificacións que os transforman en obras singulares. O artista procura así “facer o diferente moi parecido, e viceversa”, explorando cuestións relacionadas coa percepción, a memoria e a capacidade de detectar matices dentro da repetición.
A exposición reúne diferentes obras que funcionan como variacións dun mesmo motivo e establecen un diálogo constante entre permanencia e cambio. Cada peza incorpora diferenzas sutís que buscan fomentar unha observación máis pausada e unha participación activa do espectador.
Con esta proposta, o Centro Cultural Marcos Valcárcel continúa a súa liña de programación centrada en achegar á cidadanía iniciativas artísticas contemporáneas que promovan a reflexión e o diálogo arredor das expresións visuais actuais.