O asociacionismo feminino impulsa a vida no rural

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Unha rede de máis de 500 asociacións de mulleres rurais repartidas por todo o territorio traballa pola convivencia, a participación e o empoderamento
femuro
24 Jun 2026

Por Raquel Pérez

As mulleres no medio rural galego desempeñan un papel esencial na organización social, económica e comunitaria dos territorios nos que viven. Historicamente, foron o motor das aldeas, contribuíndo de maneira decisiva, aínda que non sempre valorada, á dinamización da vida comunitaria e á creación e mantemento do tecido social. Este papel, lonxe de desaparecer, segue tendo unha gran importancia na actualidade, especialmente a través do desenvolvemento do asociacionismo feminino, que se converteu nunha ferramenta clave para a convivencia e o empoderamento das mulleres no medio rural, e que nos últimos anos está a experimentar un certo incremento, no que teñen moito peso as novas xeracións.

En Galicia, existen máis de 500 asociacións de mulleres rurais repartidas por todo o territorio, sendo a provincia de Ourense a que reúne a maior cantidade, con máis de 200 asociacións rexistradas segundo as listaxes oficiais, seguida por Pontevedra, con 193, Lugo, con 80 e A Coruña, con 77.

COORDINACIÓN E APOIO DESDE AS FEDERACIÓNS

Neste contexto, as federacións, como é o caso de FADEMUR, desempeñan un papel fundamental, xa que permiten agrupar e coordinar o traballo das distintas asociacións, fomentando o asociacionismo e tecendo unha rede organizada que conecta diferentes realidades locais baixo uns mesmos principios comúns. Ademais, desde a federación proporciónase asesoramento administrativo e burocrático, desde a constitución legal das asociacións ata a xestión de estatutos, subvencións ou trámites bancarios.

Pero o seu labor vai máis aló, promovendo tamén actividades conxuntas que permiten reforzar a identidade común do movemento, como foros de igualdade, encontros entre federacións e a celebración de datas significativas como o 8 de marzo, o 25 de novembro ou o Día da Muller Rural. Ademais, en 2020 FADEMUR publicou un estudo incluído no Pacto de Estado en materia de violencia de xénero titulado “Mulleres vítimas de violencia de xénero no mundo rural”, co obxectivo de mellorar o coñecemento sobre a situación das mulleres rurais en relación coa igualdade e a violencia machista.

O estudo levouse a cabo en sete comunidades autónomas (Andalucía, Aragón, Castela e León, Castela-A Mancha, Estremadura, Galicia e A Rioxa), seleccionadas polo seu grao de ruralidade e dispersión, entrevistando a decenas de mulleres e profesionais en municipios de ata 20.000 habitantes. Entre as súas principais conclusións, as enquisas puxeron de manifesto que factores como o illamento ou a escaseza de servizos especializados de atención e protección no medio rural poden incrementar a vulnerabilidade das mulleres rurais fronte á violencia de xénero. Por iso, o asociacionismo cobra un papel fundamental como rede de apoio, ao ofrecer espazos de acompañamento e reducir o illamento.

Xunto ás tarefas organizativas, tamén se desenvolven programas sociais e educativos en centros de primaria e secundaria, así como proxectos dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade ou con necesidades de inserción laboral. Estes programas complétanse con obradoiros específicos, como os de sexualidade, que se levan a cabo en distintas asociacións segundo as necesidades e demandas de cada territorio.

Así, tanto a nivel federativo como desde as propias asociacións, búscase dar visibilidade ás mulleres do medio rural en todos os ámbitos da vida. A través de distintas iniciativas, como obradoiros ou cursos, impúlsase a mellora do emprego entre as mulleres, así como o emprendemento e o empoderamento, fomentando a súa independencia económica. O seu labor estrutúrase en diferentes liñas de acción que buscan mellorar as condicións de vida das mulleres e reforzar o seu papel como axentes clave do desenvolvemento rural, a través de distintas iniciativas adaptadas á realidade de cada vila.

ESPAZOS DE SOCIALIZACIÓN PARA ROMPER O ILLAMENTO

Pero de todas as accións que se levan a cabo desde este tipo de asociacións, o labor máis importante é o da socialización, ofrecendo ás mulleres espazos propios de encontro e socialización. Tradicionalmente, as mulleres do medio rural non contaban con lugares de lecer equivalentes aos dos homes, como podía ser o bar ou outros espazos informais de reunión. Esta ausencia de espazos específicos levou á creación de estruturas propias nas que as mulleres puidesen atoparse, compartir experiencias e construír vínculos sociais.

Por iso, as asociacións funcionan como puntos de encontro fundamentais, nos que se rompe a rutina diaria e se favorece a convivencia entre as veciñas das aldeas, que atopan nelas un lugar de esparexemento e lecer, pero tamén de comunidade. Estes espazos non só teñen unha función recreativa, senón que fomentan a convivencia diaria e a participación en actividades comúns, reforzando os lazos entre as mulleres dunha mesma localidade e a cohesión social das comunidades rurais.

As actividades que desenvolven estas asociacións son moi variadas e dependen de cada entidade concreta e das necesidades de cada territorio, pero todas comparten un elemento común: a creación de espazos de participación e convivencia.

Entre as actividades máis habituais atópanse propostas como ximnasia, obradoiros de memoria, teatro, manualidades, alfabetización dixital, iniciativas culturais ou actividades relacionadas coa saúde, o envellecemento activo e o autocoidado. Aínda que o contido de cada actividade pode ser diferente, o máis relevante non é tanto a actividade en si mesma, senón o espazo social que se xera arredor dela. Estes encontros permiten ás mulleres manter unha vida social activa, saír do illamento e fortalecer as súas redes de apoio. No ámbito económico e laboral, tamén se promoven iniciativas como a titularidade compartida das explotacións agrarias, así como o apoio ao emprendemento feminino no medio rural.

UN MOVEMENTO EN EXPANSIÓN

Segundo os datos de FADEMUR, nos últimos anos estase a rexistrar un aumento na creación deste tipo de asociacións, o que reflicte unha maior mobilización e participación das mulleres no ámbito rural. Aínda que non se pode falar dun crecemento explosivo, si existe unha continuidade e unha diversificación do movemento asociativo.

Ademais das asociacións de mulleres, tamén se integran ou colaboran entidades culturais, veciñais e produtoras, que buscan mellorar a súa situación e contribuír ao desenvolvemento do territorio, o que permite ampliar o alcance do asociacionismo e adaptar as respostas ás necesidades concretas de cada comunidade.

En conxunto, o asociacionismo feminino no medio rural convértese nunha ferramenta de organización social a través da que tecer redes de convivencia entre veciñas, fortalecendo a súa socialización e a súa participación na vida pública, transformando a vida comunitaria e creando espazos de confianza onde as mulleres poden falar e convivir libremente, impulsando novas formas de liderado feminino nos territorios rurais.

Neste contexto, desde o ano 2021 organízase no municipio ourensán de San Xoán de Río o Congreso da Muller Rural, un espazo que busca poñer en valor o papel das mulleres rurais como axentes clave do desenvolvemento territorial, o liderado local, a innovación social e a cohesión comunitaria, e que cada ano recoñece o labor de alcaldesas, emprendedoras, traballadoras do sector primario, asociacións e demais mulleres que contribúen día a día a dinamizar e fortalecer o medio rural, impulsando a súa sustentabilidade social, económica e demográfica e garantindo a continuidade da vida nas comunidades rurais.

Asociacion-mulleres-rurais-Paradela
0.13115406036377