O Ateneo organiza unha mesa redonda sobre condutas disruptivas e violentas na adolescencia

O Ateneo organiza unha mesa redonda baixo o título “Condutas disruptivas e violentas na adolescencia. Posibles solucións”, unha proposta que abordará unha temática de interese e preocupación social.
O encontro celebrarase o 3 de xullo de 2026 ás 19.00 horas no Salón de Actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel, e contará coa participación de tres profesionais con ampla experiencia no ámbito educativo, psicolóxico e xudicial.
Abrirá a mesa redonda María del Mar Román García, profesora da Facultade de Educación da UNED, doutora en Tecnoloxía Educativa e educadora social. Na súa intervención proporá unha reflexión sobre a importancia dos vínculos educativos como espazos de acompañamento e reflexión fronte ás manifestacións de malestar na adolescencia.
A continuación intervirá Ricardo Fandiño Pascual, doutor e psicólogo clínico, profesor do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa da Universidade de Vigo e vicedecano do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Na súa exposición abordará a dixitalización da vida cotiá, a saúde mental na adolescencia e os novos marcos relacionais na sexualidade, así como a construción da identidade e as novas formas de violencia e disrupción.
Pechará a mesa redonda José Manuel Ucha López, fiscal de menores de Galicia, que analizará a problemática das condutas disruptivas ou violentas na adolescencia desde a xurisdición de menores, así como a súa relación con factores familiares, educativos, sociais ou psicolóxicos e a necesidade dunha intervención integral. Ao remate do acto abrirase unha quenda de preguntas para o público asistente.