O Auditorio Municipal de Ourense acollerá a terceira edición da Gala Solidaria "Por Eles TEA"

OurenseXa
O evento celebrarase o vindeiro 29 de marzo e contará coa participación dunha decena de grupos, artistas e escolas
Presentación da II Gala Por elles Tea
Presentación da III Gala Por Eles TEA
11 Feb 2025

O Auditorio Municipal de Ourense será o escenario da terceira edición da Gala Solidaria Por Eles TEA, que terá lugar o 29 de marzo. A concelleira de Asuntos Sociais, Tamara Silva, recibiu esta mañá no Concello a María Losada, vicepresidenta da asociación Por Eles TEA; Rebeca Iglesias Fernández, vogal da asociación; e Marta Bravo Taboada, directora do estudo Repenica, que traballan na organización do evento, no que colabora o Concello de Ourense.

A gala dará comezo ás 18:30 horas e estará presentada por Tamara Pérez, coa cantante Uxía como madriña. Sobre o escenario actuarán Ángel Cerezuela, Magín Banco, Jony e Fabián González, Estudo Repenica, Academia Drop, Orfeón do Carballiño, Coro Enharmonía, Tics Formación Artística e Muma’s Troop.

As entradas estarán á venda en Ataquilla a un prezo de 10 euros, e tamén se habilitará unha Fila 0 para quen desexe colaborar sen asistir ao evento.

Un evento solidario polo autismo

María Losada explicou que esta iniciativa conmemora o Día Mundial do Autismo (2 de abril) e ten como obxectivo recadar fondos para os proxectos e servizos da asociación Por Eles TEA, ademais de visibilizar o autismo e concienciar a sociedade ourensá sobre a diversidade. “Queremos que a inclusión non sexa só unha palabra, senón unha realidade”, afirmou.

Tras o éxito das edicións anteriores, a gala chega ao seu terceiro ano co propósito de seguir apoiando os proxectos da asociación, que aspira a contar no futuro cun local de maior capacidade para as súas actividades, cuxa demanda segue en aumento.

Pola súa banda, a concelleira Tamara Silva destacou a vontade do Concello de Ourense de seguir colaborando con Por Eles TEA, tanto a través do convenio asinado como coa cesión do Auditorio Municipal para a celebración do evento. Ademais, animou a cidadanía a asistir: “Cantos máis, mellor. Todos son benvidos, especialmente nunha iniciativa solidaria coma esta, que axuda a dar visibilidade a persoas que, en moitas ocasións, pasan desapercibidas”.

Cultura e solidariedade sobre o escenario

Marta Bravo, directora de Repenica, subliñou que para o seu estudo é “un luxo formar parte deste proxecto e axudar tanto á asociación como a todas as persoas que acudan”. Ademais, destacou o carácter cultural do evento, ao contar con grandes artistas da escena galega.

“Queremos que a xente veña a pasalo ben. Este ano temos o orgullo de contar con Uxía como madriña da gala, unha das grandes cantantes galegas, que celebra 40 anos de traxectoria musical e festexarémolo por todo o alto”, sinalou Bravo.

Tamén adiantou a participación de "convidados de luxo", como o cantautor emerxente Ángel Cerezuela, quen presentará o seu novo single durante a gala. En total, serán máis de dez artistas, grupos e escolas de baile os que subirán ao escenario, garantindo un espectáculo único. “Será un evento marabilloso que ninguén pode perder”, concluíu.

0.070038795471191