O Auditorio Municipal de Ourense recibirá o musical 'Barnum - The First Showman' en xaneiro de 2027

OurenseXa
A produción, inspirada na figura do empresario circense P.T. Barnum, combina interpretación en directo, coreografías e recursos audiovisuais de gran formato
Barnum The First Showman
12 Sep 2026

O Auditorio Municipal de Ourense será escenario, o vindeiro 9 de xaneiro de 2027 ás 20.00 horas, da representación do musical 'Barnum - The First Showman', unha produción escénica que adapta ás táboas a historia da coñecida película 'El Gran Showman'.

O espectáculo recrea o percorrido vital do empresario estadounidense P.T. Barnum, considerado un dos precursores do negocio do espectáculo circense. A trama comeza no século XIX, cando Barnum queda sen emprego tras a quebra da empresa na que traballaba. Movido polo desexo de ofrecer unha vida mellor á súa esposa, Charity, e ás súas dúas fillas, decide embarcarse na creación dun circo fóra do común, para o cal reúne un elenco de artistas de características moi diversas, convencido de que innovar esixe afastarse do convencional.

Para levar esta historia a escena, a produción conta cun reparto de dezaseis intérpretes profesionais entre bailaríns, cantantes e actores, que executan as súas actuacións con voces en directo. A posta en escena apóiase nunha escenografía coidada e nun vestiario e caracterización de gran vistosidade, ao que se suma o emprego de pantallas LED de alta resolución con tecnoloxía 3D, un recurso que busca reforzar a ambientación circense e ofrecer ao público unha experiencia visual envolvente.

Con esta proposta, a cidade de Ourense súmase á xira dunha montaxe que foi descrita como unha homenaxe ao nacemento do mundo do espectáculo, e que combina música, danza e interpretación nun formato pensado para todo tipo de públicos.

0.17685985565186