O Auditorio Municipal do Carballiño acolle un concerto de jazz co músico local Alfonso Medela

OurenseXa
O artista volve ao escenario da súa vila natal xunto ao vigués Rubén Fernández, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios
Cartel Alfonso Medela Trío + Rubén Fernández O Carballiño
3 Nov 2026

O vindeiro domingo 15 de novembro, o Auditorio Municipal Manuel María recibirá ao músico Alfonso Medela, que presentará ante o seu público unha nova proposta sonora acompañado, nesta ocasión, polo cantante vigués Rubén Fernández.

Non é a primeira vez que Medela pisa este escenario, aínda que cada regreso ten un significado especial ao tratarse da súa localidade de orixe. Así o salientou o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, quen quixo poñer en valor o prestixio do músico: “É un orgullo que un músico da calidade de Alfonso toque aquí, no Carballiño, na súa casa”.

A pesar da súa formación clásica, Medela fixo do jazz e dos sons máis contemporáneos a súa principal vía de expresión artística. Esa aposta permitiulle facerse un nome dentro do circuíto nacional, pasando por numerosas salas e clubes especializados e compartindo experiencias musicais con figuras como Carlos Carli, Bob Sands, Bobby Martínez ou Ton Risco.

Xunto a el actuará Rubén Fernández, voz especializada en jazz que suma tamén un percorrido notable dentro deste xénero a nivel estatal. Entre os seus traballos figuran colaboracións en proxectos como ‘Mondo Aéreo’, de Alessandra Patrucco; ‘Small Axe’, xunto a Adriá Plana e Robert Nesta Songs; ou ‘Araguaia’, de Carles Cases.

A actuación inclúese dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) e proporá un percorrido polo jazz máis clásico, sen deixar de lado a mestura de estilos e influencias que caracteriza a ambos os intérpretes. O inicio está previsto para as 19.30 horas, e quen queira asistir poderá conseguir a súa entrada, cun custo de 5 euros, esa mesma tarde na billeteira do recinto.

0.17342686653137