O BNG acusa a DO e PP de rexeitar reforzar o persoal de Servizos Sociais en Ourense

OurenseXa
Os nacionalistas denuncian a elevada carga de traballo existente e reclaman un aumento do persoal para facer fronte tanto aos expedientes de dependencia como ao proceso de regularización de migrantes en marcha
rhut-reza-bn-ourense
21 Apr 2026

O grupo municipal do BNG denunciou que o Goberno local, con apoio do PP, se negou a ampliar o cadro de persoal dos Servizos Sociais do Concello de Ourense, malia a elevada carga de traballo existente. A formación nacionalista propuxo a incorporación de máis traballadoras sociais para facer fronte tanto aos expedientes de dependencia como ao proceso de regularización de migrantes en marcha.

A concelleira Rhut Reza advertiu de que a situación actual está a provocar importantes demoras na atención á cidadanía. Segundo explicou, “o Concello de Ourense xa non concede cita até o 30 de xuño” para a elaboración dos informes de vulnerabilidade vinculados á regularización. Ademais, sinalou que “antes había sete traballadoras sociais no departamento e agora só hai tres. Hai unha baixa sen cubrir desde hai dous meses, o que orixina que a día de hoxe haxa un atraso de mes e medio para a primeira cita”.

Desde o Goberno local argumentaron que “xa non quedan prazas vacantes”, unha postura que, segundo Reza, “secunda o PP pois na propia Xunta de Área deixaron claro que non son partidarios de aumentar o persoal”. Fronte a isto, a edil do BNG insistiu en que “desde o BNG temos claro que existe unha necesidade real pois é preciso darlle saída aos expedientes pendentes tanto no Servizo de dependencia como nos referidos aos informes de vulnerabilidade do proceso de regularización polo que está máis que xustificada a contratación de máis persoal”.

Por outra banda, nas xuntas celebradas tamén se abordaron cuestións relativas a infraestruturas. No caso da Avenida de Portugal, o concelleiro responsable indicou que as actuacións en marcha, executadas mediante un contrato de emerxencia, céntranse en garantir a seguridade e a salubridade da zona. Unha vez rematadas, revisarase o estado da obra para recalcular o custo pendente e licitar un novo proxecto que permita completar a humanización da rúa.

En relación coas obras na rúa Pena Trevinca, o Goberno local cifrou en arredor de 1,5 millóns de euros o custo estimado das actuacións realizadas, tamén mediante un contrato de emerxencia.

0.12865090370178