O BNG atribúe ao déficit da candidatura o novo rexeitamento da UNESCO á Ribeira Sacra

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Néstor Rego reclama que Galicia teña representación directa na UNESCO e pide un plan integral para desenvolver o territorio máis aló do recoñecemento patrimonial
BNG-Ribeira-Sacra
28 Jul 2026

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, asegurou que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial presentaba "evidentes déficits", despois de que a UNESCO volvese rexeitala. O nacionalista defendeu que Galicia debe contar con voz propia neste organismo internacional para poder defender directamente os seus intereses e criticou a xestión realizada pola Xunta arredor deste proxecto.

Rego realizou estas declaracións durante unha comparecencia no Torrón, en Pantón, onde estivo acompañado pola portavoz do BNG no municipio, Rosana Prieto; o deputado no Parlamento de Galicia, Iago Suárez, e membros do grupo municipal. O encontro tamén serviu para denunciar o estado de conservación da estrada N-120A entre Torrón e Guítara e reclamar ao Ministerio de Transportes unha actuación urxente para rehabilitar este tramo.

O deputado explicou que o BNG rexistrou unha iniciativa no Congreso para reclamar a mellora da vía, cuxo deterioro, segundo indicou, se agravou tras os temporais e as fortes chuvias do pasado inverno. Ademais da reparación do firme, solicitou a implantación de medidas de calmado do tráfico, como a instalación de lombos, co obxectivo de aumentar a seguridade dos peóns. "Non son actuacións custosas, pero si necesarias e que só dependen da vontade do Ministerio", afirmou.

En relación coa candidatura da Ribeira Sacra, Rego lembrou que o BNG apoiou a proposta "xenerosamente", aínda sendo consciente das súas carencias. Ao seu xuízo, a Xunta priorizou a promoción da candidatura fronte aos investimentos en servizos públicos e na dinamización do territorio, aspectos que considerou imprescindibles para afrontar con garantías un recoñecemento internacional destas características.

Así mesmo, cuestionou a inclusión na candidatura de elementos vinculados á industrialización hidroeléctrica, ao considerar que forman parte do espolio do patrimonio galego. Segundo indicou, esta foi unha das cuestións sinaladas polo ICOMOS e tidas en conta pola UNESCO para non avalar a proposta. Neste sentido, insistiu en que Galicia debería formar parte da UNESCO para defender directamente os seus intereses, unha posibilidade que, segundo afirmou, o Partido Popular rexeita.

Pola súa banda, a portavoz do BNG en Pantón, Rosana Prieto, asegurou que o resultado era "previsible" e lembrou que a súa formación advertira en reiteradas ocasións das deficiencias existentes. A nacionalista sostivo que non se pode aspirar a obter a declaración de Patrimonio Mundial mentres continúan existindo espazos abandonados, como O Torrón, e sen cubrir necesidades básicas da poboación.

Na mesma liña pronunciouse o deputado autonómico Iago Suárez, quen acusou ao PP de intentar compensar as carencias estruturais da Ribeira Sacra coa candidatura á UNESCO. Segundo indicou, o territorio precisa un plan integral e coordinado que dea resposta a problemas como a vivenda, a mobilidade ou o emprego, ao tempo que lamentou a ausencia dunha estratexia por parte do Goberno galego para impulsar o desenvolvemento da comarca.

0.13974499702454