O BNG de Ourense cuestiona o silencio Goberno Local ante as acusacións vertidas polo promotor do edificio dos Franciscanos

OurenseXa
Este mesmo sábado, o promotor do edificio arremetía contra dous exconcelleiros de Urbanismo así como contra varios técnicos municipais afirmando que, "se houbese pagado en Urbanismo no seu día, hoxe este edificio tería licenza"
Edificio Franciscamos, imaxe de Google Maps
Edificio Franciscanos, Imaxe de Google Maps
9 sep 2024

En setembro do ano 2021 remataban os traballos da Comisión de investigación constituída no Concello de Ourense, impulsada polo BNG e referida as denuncias promovidas polos promotores do edificio sito no Parque de San Lázaro, anexo á igrexa dos Franciscanos. Xa entón, desde a formación nacionalista advertíase de que a mesma, "pechábase en falso pois os traballos non se puideron desenvolver coa normalidade necesaria e porque o afán do Goberno Local era concluíla canto antes e non chegar ao fondo do asunto".

Este mesmo sábado, o promotor do edificio arremetía publicamente e con dureza contra dous exconcelleiros de Urbanismo así como contra varios técnicos municipais do mesmo departamento chegando a afirmar que, "se houbese pagado en Urbanismo no seu día, hoxe este edificio tería licenza", unhas afirmacións que para o Portavoz do BNG no Concello Luís Seara son, “dunha enorme gravidade pois xa non é que se cuestione a persoas en particular senón que estase a falar de presunta corrupción en toda unha Concellería como é a de Urbanismo”.

Para Seara, as acusacións son o suficientemente graves como para que "o Goberno Local reaccione de algunha maneira. Resulta sorprendente este silencio diante de acusacións tan graves que sementan a dúbida sobre o funcionamento dunha Concellería tan importante como é a de Urbanismo, creando desasosego en boa parte da veciñanza polo que agardamos do Executivo Local unha reacción proporcional pero contundente diante de tales afirmacións".

Reapertura Comisión de investigación

Diante desta situación e das graves acusacións, Luís Seara adianta que "solicitarémoslle vía rexistro ao Alcalde a reapertura da Comisión de investigación para poder avanzar nos traballos que quedaron pendentes e para clarexar todas as dúbidas aínda sen resposta".

0.19232106208801