O BNG de Amoeiro denuncia o deterioro de postes de fibra óptica en Pazos e pide a súa reparación urxente

O BNG de Amoeiro, a través da súa concelleira Cristina Pulido Fidalgo, presentou un escrito no rexistro do Concello no que alerta dunha situación de perigo derivada do deterioro e abandono de varios postes de fibra óptica e da antiga liña telefónica no lugar de Pazos, na parroquia de Abruciños.
Segundo expón a formación, nesta zona levouse a cabo a substitución do antigo cableado de internet por fibra óptica, aproveitando a empresa instaladora os postes xa existentes. Un destes postes tería cedido e atoparíase actualmente sostido unicamente polo propio cableado, o que, segundo o BNG, supón un risco de caída e un perigo para a seguridade das persoas.
O grupo municipal advirte ademais de que esta situación podería provocar a interrupción do servizo de internet na zona. Así mesmo, sinalan a existencia dun antigo poste de telefonía en desuso que permanece apoiado sobre un muro de pedra, o que consideran igualmente un risco pola falta de estabilidade.
Por todo iso, o BNG solicita que o Concello de Amoeiro inste á empresa responsable do mantemento da liña a corrixir as deficiencias detectadas coa maior brevidade posible, co fin de garantir tanto a seguridade como o correcto acceso a internet na área afectada.