O BNG de Barbadás avanza a presentación de alegacións ao proxecto de Orzamentos do Concello
A recente aprobación inicial do Orzamento do Concello de Barbadás para o presente ano 2024 e a apertura do correspondente periodo para a presentación de alegacións, propiciou a comparecencia do Grupo municipal do BNG quen, a través do seu Portavoz Sarín Núñez, xa avanzou que veñen de rexistrar unha serie de alegacións ao texto inicial co obxectivo de que “se dea resposta ás necesidades reais da veciñanza”.
Núñez comezou criticando o feito de que as contas para o presente exercicio “sexan presentadas e aprobadas cando levamos consumidos preto de seis meses do ano, sendo o normal na tramitación dun orzamento que sexa aprobado como moi tarde no último trimestre o ano para entrar en vigor a partir do un de xaneiro, aquí levamos co orzamento prorrogado desde o 2022”.
O Portavoz nacionalista chamou tamén a atención á curiosa situación que se vive no Concello de Barbadás, e máis concretamente co Goberno de coalición existente entre o PSdeG-PSOE e DO. “Vivimos no mundo ao revés xa que en Ourense o PSdeG-PSOE promove unha moción de censura para sacar a Jácome da alcaldía ao tempo que gobernan con el en Barbadás, algo que polo que vemos sería detestable en Ourense, a un quilómetro de distancia é o día a día”.
No tocante aos orzamentos para o 2024 presentados polo actual equipo de Goberno, desde a formación nacionalista insisten en que “estes orzamentos non son a ferramenta que o Concello precisa neste momento e non se axustan á realizade social e económica do mesmo”, e engaden, “non se avanza en ningunha infraestrutura de relevancia para a cidadanía, non se transforma nin se reactiva o tecido social e cultural e tampouco se dan solucións ás necesidades de creación de emprego e para o fomento da actividade empresarial”.
Sarín Núñez advirte que nas contas presentadas polo Goberno Local “bótase de menos un Plan plurianual de obras, Plan que incluímos nas nosas alegacións para que conte cunha partida específica e permita unha mellor planificación ao longo do mandato. Botamos de menos, e por iso tamén alegamos, unha partida destinada a adquisición dos terreos necesarios para a construción das tan demandadas piscinas climatizadas”.
Outras das propostas que a formación nacionalista pretende incluir no proxecto de orzamento teñen que ver coa construcións dun centro multixeracional municipal, co tan demandado IES, ou coa adquisición de terreos para unha nova pista polideportiva na parroquia das Lamas. En definitiva, e tal e como sinala Sarín Núñez, “estamos diante dunhas contas que non contribúen a que Barbadás, sexa pioneiro e reciba o impulso que precisa e mecere pola importancia que o noso Concello ten na provincia desde o punto de vista poboacional”.