O BNG de Barbadás denuncia unha nova crise de goberno e reclama estabilidade para o Concello

O BNG de Barbadás mostrou o seu malestar ante o que considera un novo capítulo de inestabilidade dentro do goberno municipal, ao que atribúe unha falta de rumbo e de compromiso real coa xestión do Concello. Segundo a formación nacionalista, este episodio volve poñer de manifesto as dificultades do equipo de goberno para se manter unido e traballar de forma continuada polos intereses do municipio.
Mónica Valencia, designada recentemente como candidata do BNG á alcaldía de Barbadás de cara aos comicios municipais de 2027, defendeu que a veciñanza do municipio merece contar cun goberno capaz de responder aos numerosos desafíos que ten planteados Barbadás, entre eles a construción dun novo instituto, proposta que o BNG levará ao pleno o vindeiro luns. Valencia mostrouse crítica coa dinámica que, ao seu xuízo, se instalou no goberno local nos últimos tempos, sinalando que dá a sensación de que distintos actores entran e saen do executivo municipal en función dos seus propios intereses particulares.
A candidata nacionalista foi máis alá ao valorar o ocorrido, apuntando directamente á xestión do rexedor, de quen cuestionou a súa capacidade de liderado, e tamén á actitude de Democracia Ourensana e do seu representante local, a quen acusa de subordinar as decisións sobre o goberno de Barbadás ás ordes que chegan desde a dirección do partido en Ourense.
Desde o BNG expresan preocupación polo tempo que resta ata as vindeiras eleccións municipais, un período que temen que poida traducirse en parálise institucional como consecuencia das tensións internas dentro do equipo de goberno. A formación tamén fai referencia ao desgaste político que atravesa o actual alcalde, marcado por unhas graves acusacións de acoso que motivaron a súa expulsión do PSdeG-PSOE, e polas dificultades evidentes para sosteren a estabilidade do goberno municipal desde entón.
Neste sentido, Valencia lembrou que o BNG xa defendeu a posibilidade de presentar unha moción de censura en decembro de 2025, momento no que o grupo de goberno se fracturou a raíz dun caso de acoso xurdido dentro das filas socialistas. Segundo explica, aquel foi, ao seu entender, o momento oportuno para plantexar ese movemento. Agora, porén, considera que lle corresponde á cidadanía, dentro de oito meses, decidir nas urnas como debe quedar configurada a nova corporación municipal e quen debe asumir o liderado do cambio político en Barbadás.