O BNG de Barbadás pide a paralización das obras en Bentraces

OurenseXa
O grupo nacionalista pide unha reforma máis respectuosa co patrimonio histórico e que atenda ás demandas da veciñanza
Sarín Núñez, Portavoz do BNG no Concello de Barbadás
8 Nov 2024

O Bloque Nacionalista Galego de Barbadás esixe a inmediata paralización das obras de mellora que se están a realizar nas rúas da Capela, do Canastro e Filgueiras, en Bentraces. Segundo denuncian, as actuacións en marcha non responden ás peticións da veciñanza, que reclama un enfoque máis coidadoso co contorno histórico da zona.

A veciñanza manifestou o seu descontento ao ver que, a pesar da proximidade ao emblemático Pazo de Bentraces, as obras non consideraron o empedrado das rúas, tal como se fixo noutras zonas históricas de Valenzá ou Parada. Ademais, o proxecto non inclúe o soterramento do cableado da iluminación pública, nin prevé melloras nas instalacións de saneamento ou a separación de augas. "Non queremos un simple lavado de cara; queremos que se respecte o noso patrimonio e que se respondan ás necesidades reais da veciñanza", afirmou o BNG.

O grupo nacionalista subliña que unha intervención de mellora nunha área de tanto valor histórico debería ter un enfoque integral, preservando o carácter patrimonial de Bentraces e adaptándose ás necesidades da comunidade.

0.19801187515259