O BNG de Barbadás propón acondicionar unha gran zona verde ao carón do Hospital de Piñor

O Grupo municipal do BNG no Concello de Barbadás trasladará este mesmo luns ao Pleno do Concello, unha proposta para a recuperación, o acondicionamento e a posta en valor dunha parcela anexa ao Hospital de Piñor de arredor de 6.269 m² co obxectivo de que a mesma poida ser empregada pola veciñanza mais sobor de todo, polas usuarias e usuarios do propio hospital.
O Portavoz dos nacionalistas Sarín Núñez sinala que “estamos diante dun espazo público que, malia o seu potencial ambiental e social, leva décadas nun evidente estado de abandono, sen que se acometesen actuacións de conservación, mantemento ou posta en valor” e engade, “todo indica que esta parcela foi concibida como un espazo verde complementario ao propio hospital, cumprindo a función de pulmón natural das instalacións e proporcionando unha contorna axeitada para o descanso, o paseo e o contacto coa natureza das persoas usuarias”.
Desde o BNG lembran que a actividade inicial do Hospital de Piñor estivo vinculada ao tratamento de patoloxías respiratorias, polo que a existencia dunha ampla zona arborada tiña unha clara xustificación sanitaria e terapéutica. Segundo Núñez, “co paso dos anos, o hospital foi ampliando os seus ámbitos asistenciais, mais a parcela permaneceu nun estado de abandono, desaproveitando un recurso público de grande valor ambiental e paisaxístico”.
Para os nacionalistas “a preservación e creación de espazos verdes debe constituir unha prioridade para as Administracións públicas, tanto pola súa contribución á mellora da saúde e da calidade de vida como polo seu papel na adaptación aos efectos do cambio climático. A conservación da vexetación autóctona, a protección da biodiversidade e a creación de zonas de lecer ambientalmente sostibles son actuacións plenamente coherentes cos obxectivos de desenvolvemento sustentable e coas políticas públicas de renaturalización dos espazos urbanos e periurbanos”.
O Grupo municipal do BNG solicitará ao Goberno Local instar á Xunta de Galiza a acometer a recuperación, acondicionamento e posta en valor da parcela forestal pública anexa ao Hospital de Piñor ao tempo que requerirán ao Executivo local a estudar a sinatura dun convenio de colaboración co Goberno Galego que permita compatibilizar o uso sanitario da parcela co seu uso público ordenado por parte da veciñanza, garantindo en todo momento a súa conservación ambiental e o respecto ás necesidades do complexo hospitalario.